Queixas constantes da cidadanía referentes a deficiencias na iluminación en diversas parroquias do Concello
O BNG preguntará no pleno de setembro se o Goberno Local está a dar algún paso de cara á elaboración dun plano lumínico municipal ou de cara a solucionar estas eivas
No BNG de Oleiros vimos detectando e recibindo queixas constantes da cidadanía referentes a deficiencias na iluminación en diversas parroquias do Concello, que afectan mesmo a núcleos urbanos cunha alta densidade de poboación. Detéctanse, ademais, grandes diferenzas nas diferentes partes do territorio municipal.
Dende o BNG de Oleiros consideramos necesario o deseño dun plano lumínico que parta dunha preceptiva avaliación dos distintos núcleos do concello, zonas máis residenciais, contornas de determinados equipamentos públicos (aparcadoiros das piscinas, campos de fútbol, polideportivos, bibliotecas, casas do Pobo..), principais vías de comunicación entre núcleos, sendas peonís, etc.
Un dos obxectivos desa avaliación sería o de detectar tanto zonas iluminadas de menos como zonas iluminadas de máis (coa conseguinte contaminación lumínica) e sistemas lumínicos que xa ficaron obsoletos. Este plano debe partir dunha previa estratexia municipal baseada na eficiencia enerxética, na loita contra a contaminación lumínica e que inclúa a debida perspectiva de xénero, evitando zonas desprotexidas e inseguras por todo o Concello.
No pleno ordinario deste mes de setembro preguntamos ao Concello se está a dar algún paso de cara á elaboración dun plano lumínico municipal ou de cara a solucionar estas eivas.