O BNG de Oleiros solicitará que o Goberno local estableza un Plano turístico en Oleiros para evitar masificacións e incomodidades á veciñanza

Castillo_Santa_Cruz_Wikipedia
Santa Cruz

Oleiros precisa, ademais, a implantación dunha taxa turística, que sería unha fonte de ingresos para afrontar o custo do aumento da poboación no verán á hora de prestar servizos básicos

O BNG de Oleiros solicitará que o Goberno local estableza un Plano turístico en Oleiros para evitar masificacións e incomodidades á veciñanza

Achámonos ás portas dun novo período estival perante o que cómpre tomarmos medidas acaídas de cara a evitar incomodidades, conflitos, masificacións e diversos problemas de toda índole. O pasado verán xa se comezou a percibir en Oleiros certa enchedela, dada a gran cantidade de visitantes e a enorme afluencia a areais, festas e demais visitas ao patrimonio oleirense, incrementada pola pésima reforma do transporte público da Xunta. Achámonos perante a punta do iceberg, xa que a situación se vai incrementar nos vindeiros anos. As irresponsábeis campañas da Xunta chamando a Galiza “refuxio climático” alén de promover a masificación e  a xentrificación e de frivolizar coa emerxencia climática, incrementan o efecto chamada cara ás nosas costas. Cómpre elaborar, dende o Concello, unha planificación para evitar máis masificación e presentes e futuras incomodidades claras para a veciñanza de Oleiros. Medidas como, por exemplo, a tomada en Xoez para facilitar a vida das veciñas e limitando o aparcamento en certas zonas para os veraneantes. No pasado pleno de setembro xa pediramos o Concello a elaboración dun plano integral de turismo para que este sexa sustentábel, ecolóxico, racional e respectuoso coa vida cotiá da cidadanía oleirense, e seguiremos por este camiño.

 

Solicitaremos, ademais, a implantación dunha taxa turística no Concello de Oleiros. Deixando ben claro que o turismo é ben acollido en Oleiros, defendemos dende o BNG que o Concello necesita unha fonte de ingresos para afrontar o custo do aumento da poboación no verán á hora de prestar servizos básicos como como abastecemento de auga, tratamento de augas residuais, recollida de lixo ou limpeza viaria, prazas de aparcadoiro, gastos de socorrismo, posta a punto dos areais, problemas de mobilidade...Por outra banda, esta necesidade de financiamento é froito do desleixo da Xunta, que debería asumir estes custos, mais non existe financiamento dunha Xunta que cada vez deita máis competencias propias nos Concellos. Entendemos, pois, que na actualidade a implantación dunha taxa turística non é unha opción, senón unha necesidade para atendermos o enorme incremento de gastos que o turismo masivo está a provocar.

O BNG de Oleiros solicitará que o Goberno local estableza un Plano turístico en Oleiros para evitar masificacións e incomodidades á veciñanza