O BNG pedirá no vindeiro pleno que se incremente o IBI os pisos baleiros e se rebaixe a quen alugue as súas vivendas a persoas vulnerábeis
Oleiros é Concello do país cos alugueiros máis caros segundo os últimos datos. E, segundo o INE, Oleiros ten 3.555 vivendas baleiras sobre as 19.268 que contabiliza o devandito estudo, un 18,4% do total. Coincide, por certo, cun importante incremento da concesión de licenzas para novas vivendas. No BNG defendemos unha política de vivenda que dea prioridade aos alugueiros sociais e promova o uso das vivendas baleiras, priorizar o xa existente máis que a nova construción, xa que consideramos que non precisamos máis vivenda senón reordenar as que xa existen. Pediremos, pois, ao Concello que, co gallo de dar prioridade á función social da vivenda, considere a opción de incrementar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) ata o máximo legal para as vivendas que estean baleiras en determinados casos, rebaixar o IBI ás persoas que aluguen as súas vivendas a persoas vulnerábeis, crear un rexistro municipal de vivendas baleiras en coordinación co IGVS, apostar pola rehabilitación de vivenda baleira en vez da expansión urbana ou a introdución de bonificacións no imposto de construción, para actuacións de rehabilitación de edificios catalogados como de uso residencial.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas, entre elas:
Feira do automóbil na “milla de ouro” de Perillo
Oleiros acolleu do 8 ao 10 de maio a cuarta Feira do Automóvil en horario ininterrumpido de 8 a 20 horas. Os 10 concesionarios participantes, amoreados en Perillo, onde se achan o 70% das empresas de coches, foron recebidos na Casa Charry polo Goberno local co gallo da presentación desta feira. Pediremos ao Concello que indique a súa participación na feira e se houbo algún dispositivo organizativo especial de tráfico e demais para a mesma.
Intervencións no Porto de Dexo
No Porto de Dexo apréciase unha incipiente deterioración no compás dos golfiños, con perda de teselas e outros desperfectos. Esta zona do Porto de Dexo, onde alén do compás existe unha área de lecer, non ten ningún nome específico.
Pediremos ao Concello que proceda á súa reparación e considere a posibilidade de dedicar esta área ás xentes da zona falecidas no mar.