Sobre a mobilidade en Oleiros (tamén a de peóns e ciclistas)
O Pleno do Concello deste pasado xoves 29 aprobou demandar á Xunta de Galiza a execución dunha rotonda no cruzamento de Montrove, xunto ao Teleclube, e de beirarrúas peonís entre a igrexa de Serantes e a zona do Cubo. Ambas as estradas son titularidade do goberno galego.
Esta moción presentada pola Alternativa dos Veciños lévanos a compartir algunhas reflexións que queremos compartir con toda a nosa veciñanza. Gustaríanos telo feito achegando ideas ao contido da propia moción, mais o grupo que goberna Oleiros parece que non o considerou necesario. No BNG gústanos máis poder dialogar as cousas e chegar a acordos. E nunca nos cansaremos de entender así a política.
Vaiamos ao miolo: ninguén dubida, nin sequera o propio goberno municipal, que un dos grandes problemas diarios de Oleiros é o da mobilidade. Tamén un dos grandes desafíos no deseño e planificación do futuro. É evidente que a nosa rede viaria non se transformou coa mesma velocidade con que o fixeron os nosos núcleos de poboación: edificouse, aumentou a poboación e aumentou tamén, especialmente no verán, unha oferta de servizos ou lecer que trae moita máis xente ás nosas praias e a algúns dos nosos núcleos. Nos últimos anos o Concello dotouse dunha ferramenta de traballo que pode ser moi valiosa: o Plan de mobilidade urbana sustentábel (PMUS).
No BNG vemos con preocupación como gran parte das medidas tomadas en materia de mobilidade nos últimos tempos -e das demandas dirixidas a outras administracións- van unicamente dirixidas a tratar de mellorar a circulación en vehículo privado, en facer que o tráfico de coches circule con máis fluidez. A supresión progresiva da rede semafórica ou agora a demanda da construción dunha rotonda en Montrove van nesa dirección. Por contra, non acabamos de ver medidas dirixidas a facilitar a mobilidade a pé, nin dentro dos propios núcleos nin moito menos para favorecer os desprazamentos peonís entre eles. E tampouco vemos que Oleiros avance nada en favorecer outras mobilidades brandas (bicis) máis alá do uso recreativo e ocasional malia a enorme potencialidade que aquí podería haber tendo en conta como é o noso territorio.
Nin sequera entendemos moi ben no BNG como se priorizan algunhas actuacións para mellorar a mobilidade peonil: agora pídense beirarrúas para unha das beiras da estrada AC-163 (Doutor Fleming e logo rúa do Golfiño a partir do Cubo), mais en todo ese treito xa hai espazo peonil continuo. Como tamén na Ferrala ou en Lóngora, onde se crearon espazos peonís en ambas as marxes das vías recentemente. E, en cambio, non se prioriza a mobilidade a pé na rúa do Mar, entre Aguieira e Breixo, onde hai moito que mellorar; na avenida da República do Uruguai e no acceso á Residencia de Maiores de Oleiros; no Couto, onde a veciñanza segue sen paso seguro por onde poder cruzar; ou en Montrove, onde faltan pasos seguros para cruzar ou unha maneira segura de baixar de alí a Perillo, onde están a maioría dos servizos nesa zona. Por non falar do inexistente acceso a pé á escola infantil privada da zona, exemplo de inacción das administracións que merecería un capítulo propio.
No BNG seguiremos utilizando a nosa presenza no Pleno do Concello para formular propostas que axuden a desenvolver o PMUS xa aprobado e avancen en dirección a situar no centro da mobilidade as persoas frente aos coches.