O MUNICIPIO NON FIGURA, POLO DE AGORA, NA RELACIÓN DE CONCELLOS GALEGOS QUE SE OFRECERON A ACOLLER PERSOAS PROCEDENTES DO BARCO AQUARIUS

O BNG pregunta ao goberno municipal se está previsto que Oleiros sexa concello acolledor de persoas refuxiadas

Aquarius_Wikipedia
Fonte: Wikipedia

No marco do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, celebrado este 20 de xuño en todo o planeta a instancias da ONU, o portavoz municipal do BNG de Oleiros, Fran Rei, vén de se dirixir por escrito á Concellaría de Cooperación do Concello de Oleiros, que dirixe Margarita Figueroa, para saber se o goberno municipal está a traballar nalgunha iniciativa que permita facer de Oleiros concello acolledor de persoas refuxiadas, ben no marco do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, de cuxa comisión executiva é membro o noso municipio, ben a través da FEMP, da FEGAMP ou dalgunha outra estrutura.

A tráxica travesía do barco Aquarius en augas do Mediterráneo, a actitude fascista e xenófoba do novo goberno italiano e, finalmente, a decisión do novo goberno do Estado español de autorizar o desembarco no porto de Valencia volveu situar o foco da atención mediática e social no terríbel drama humanitario das millares de persoas que, as máis das veces sen éxito, tratan de chegar aos estados europeos occidentais fuxindo da miseria causada polas guerras e as violencias que están a destruír as súas nacións de orixe.

O desembarco das persoas que ían a bordo do Aquarius en Valencia motivou que a FEMP veña de activar unha rede de poboacións dispostas a acoller estas persoas refuxiadas. Así, coñeceuse nos últimos días que por volta dunha trintena de concellos galegos, xunto ás deputacións de Pontevedra e Lugo, xa se ofreceron a facer parte desta rede. Porén, nesa relación inicial non figura o Concello de Oleiros.

O BNG oleirense solicita no seu escrito información sobre os pasos que xa se estean a dar neste momento e convida, en todo caso, o goberno municipal a estudar “con toda a atención e rigor necesarios, á vez que con toda a sensibilidade e humanidade que Oleiros ten demostrado en tantas e tantas ocasións” de que forma o noso concello pode axudar,  no concreto, as persoas refuxiadas, garantíndolles o dereito a unha nova vida.

Para Fran Rei “non hai dúbida de que o Oleiros dos anos 80 ou 90 do pasado século, o que tanto contribuíu no seu día á creación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estaría hoxe a liderar a resposta galega á traxedia das persoas refuxiadas.” Para o portavoz nacionalista: “cómpre moito recuperar aquela capacidade que había de xerar iniciativa e de ser vangarda en favor da paz, da non violencia, do desarme, da liberdade dos pobos. Estamos a tempo”.

O BNG pregunta ao goberno municipal se está previsto que Oleiros sexa concello acolledor de persoas refuxiadas