Propomos que unha parte de Vila Echeverri sirva para usos sociocomunitarios
A veciñanza de Santa Cristina, un dos núcleos urbanos máis poboados de Oleiros, non dispón na actualidade de ningún espazo público próximo no que poder levar a cabo actividades veciñais de carácter socio-comunitario como as que (antes da pandemia) se desenvolvían nas distintas casas do pobo. O espazo máis próximo, a Casa do Pobo de Perillo, aínda que na mesma parroquia, non resulta especialmente accesíbel para unha parte da poboación debido á pendente xeográfica. A Casa de Agramar unicamente vén funcionando como casa de préstamo para a realización de festas e reunións familiares. O Centro Cultural da Fábrica, pola ampla programación que acolle durante case todo o ano e as diversas actividades que alí se desenvolven, tampouco ofrece un réxime de dispoñibilidade aberto á veciñanza nin espazos adecuados. Canto á antiga Casa da Xuventude (actual Casa do Deporte), situada no mesmo corazón de Santa Cristina, todo o edificio está destinado en réxime de cesión municipal á actividade dunha asociación.
A anunciada reforma da Casa Echeverri para que acolla unha parte do departamento de Servizos Sociais lévanos a propor, polo seu bo emprazamento, que algún dos espazos do edificio poida ser destinado a usos socio-comunitarios veciñais da poboación residente en Santa Cristina, desde reunións de entidades sociais e comunidades a todo tipo de actos públicos que non se desenvolvan na Fábrica ou na Biblioteca de Rialeda. Baixo o noso punto de vista, o uso proposto, vella demanda da veciñanza de Santa Cristina, é "plenamente compatíbel" con que Echeverri siga funcionando tamén, como até o de agora, como casa de préstamo para festas e eventos familiares.