XURXO MARTÍNEZ CAÑO ACEPTOU O CONVITE DE SERGESCO AOS GRUPOS MUNICIPAIS E ACHEGOUSE ÁS OFICINAS DA EMPRESA HORAS ANTES DO PLENO PARA MANTER UN ENCONTRO CO XERENTE

Solicitamos máis información sobre proceso de municipalización do servizo da auga

Casa_Charry_Oleiros_Wikipedia

Ao igual que o conxunto da veciñanza, no BNG coñecemos a través dos medios de comunicación a intención do goberno municipal da Alternativa dos Veciños de iniciar o proceso de municipalización do servizo de abastecemento da auga de Oleiros. Tamén a través dos medios foi como soubemos que o executivo local leva un ano estudando a opción da xestión directa fronte á da licitación mediante concurso público, como nun primeiro momento anunciaron que farían.

Solicitamos máis información sobre proceso de municipalización do servizo da auga

Con independencia da partida económica incluída no modificativo de crédito aprobado no Pleno celebrado onte, desde o BNG seguiremos a solicitar toda a información posíbel sobre un proceso de moitísimo calado, talvez unha das máis importantes transformacións operadas no municipio no que ten a ver coa xestión dos servizos, neste caso un tan fundamental e universal como é o do abastecemento da auga.
Nós defendemos como principio político a xestión directa dos servizos públicos sempre que sexa viábel, técnica e economicamente, implementala naqueles casos en que ditos servizos viñan estando privatizados. Neste sentido, e aínda desde a prudencia, valoramos como algo positivo que, por vez primeira en moitos anos, o Concello opte pola xestión directa dun servizo público. Neste sentido, recordamos que no mandato pasado xa propuxera estudar a viabilidade da xestión directa das piscinas municipais no momento en que estaba próxima a caducar a concesión vixente naquel momento, rexeitando de aquela o goberno local dita proposta.

Malia de entrada non ver con malos ollos que se municipalice un servizo que desde 1990 vén prestando ininterrompidamente a empresa Sergesco, durante anos mediante o cuestionábel procedemento de prórrogas tácitas anuais, preferimos ser cautos polo de agora á hora de fixar a nosa posición definitiva e apelamos a rodear o proceso de municipalización da máxima transparencia á hora de definir os pasos a seguir.

Segundo o noso portavoz municipal, Xurxo Martínez Caño, “o BNG faise en alto as mesmas preguntas razoábeis que pode estar a facerse calquera veciña ou veciño de Oleiros”, isto é: crearase unha empresa municipal de capital e xestión pública partindo de cero? Optarase, na práctica, unicamente por subrogar o persoal actual de Sergesco e manterase a actual estrutura da empresa? Como vai afectar á prestación do servizo a xestión directa? Tamén vemos de moito interese saber se os grupos municipais, ou mesmo o tecido asociativo veciñal, terán algún tipo de participación por medio de mecanismos de control democrático propios de calquera empresa ou ente público.

Atendendo sen o dubidar o ofrecemento de Sergesco a facilitar información efectuado o pasado mércores a través dun medio de comunicación, onte Xurxo Martínez Caño achegouse á sede da empresa para manter un encontro co seu xerente, Heitor Cruz. Neste encontro, moi cordial, Cruz agradeceu a Martínez Caño que durante o pasado mandato o BNG formulase propostas “en positivo” para a mellora do servizo que presta Sergesco, como a renovación da páxina web, a introdución da versión da mesma en galego ou a incorporación dun formulario de envío de queixas e incidencias que tivo, en palabras do xerente, unha “acollida formidábel”.

Solicitamos máis información sobre proceso de municipalización do servizo da auga