O BNG REXISTRARÁ UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA PEDIR EXPLICACIÓNS E DEPURAR RESPONSABILIDADES, TANTO TÉCNICAS COMO POLÍTICAS.

A caída de parte do muro que vincula a Vía Ártabra coa N-VI reabre a preocupación polas graves eivas desta infraestrutura en Oleiros

derrubamento Vía Ártabra
derrubamento Vía Ártabra
A caída de parte do muro que vincula a Vía Ártabra coa N-VI reabre a preocupación polas graves eivas desta infraestrutura en Oleiros

A ligazón entre a Vía Ártabra coa N-VI, que hoxe sufriu un derrubamento, abriuse hai menos dun ano, e o despropósito vivido hoxe súmase ás diversas incidencias que esta infraestrutura viviu nos últimos anos, tanto administrativas como mesmo xudiciais, e agora tamén técnicas.

Esta obra sufriu diversas modificacións desde o seu inicio, xa que se anulou a conexión coa A-6 que estaba inicialmente prevista, ademais do problema administrativo derivado dunha disputa sobre a competencia para a aprobación dun proxecto do trazado, que provocou unha importante demora nos traballos. 

A deputada electa do BNG oleirense, Iria Taibo, visitou esta tarde o punto do derrubamento, e puido constatar que o acontecido hoxe non fai máis que acrecentar as dúbidas sobre a xestión de todo o relacionado coa Vía Ártabra. O BNG ten especial interese en coñecer quen vai asumir o custo da reparación dunha obra tan recente. Este derrubamento supón un desvío até Espíritu Santo para as persoas que se incorporen en dirección á Coruña, e o Bloque Nacionalista Galego considera que a incompetencia da conselleira non pode continuar a ter repercusións para a cidadanía.

Hai unha semana quedaron abertos os accesos ao Porto de Lorbé, tamén en relación con esta Vía, con varias deficiencias das que o BNG tamén alertou no pasado Pleno de Oleiros. 

O Bloque Nacionalista Galego rexistrará unha iniciativa no Parlamento, en canto sexa posíbel, para pedir explicacións e responsabilidades, tanto por este erro técnico como pola súa vertente política, e volveremos insistir na nosa demanda de aclaracións urxentes sobre esta infraestrutura fundamental: cando, como e onde vai rematar a Vía Ártabra, se haberá liberación de peaxes e protección ambiental, alén das repercusións económicas dos atrasos e das eivas da obra.

A caída de parte do muro que vincula a Vía Ártabra coa N-VI reabre a preocupación polas graves eivas desta infraestrutura en Oleiros