A denegación da licenza para o "novo Maxi" é un éxito histórico e rotundo da presión veciñal

A denegación da licenza para o "novo Maxi" é un éxito histórico e rotundo da presión veciñal

A formación nacionalista chama a manter a mobilización social para acabar de “convencer” da necesidade de adquirir para uso público a finca do antigo Hotel Maxi

A última hora do día de onte, o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros coñecía a través das edicións dixitais de distintos medios de comunicación, ao mesmo tempo que moitas veciñas e veciños, a sorprendente decisión do goberno municipal de Oleiros de denegar a licenza á empresa HOSTCASTROS S.L., propietaria da parcela do antigo Hotel Maxi en Santa Cruz, para edificar nela un novo edificio destinado a aparthotel.

A denegación da licenza chega despois de meses de constante e notoria defensa dos intereses particulares de HOSTCASTROS S.L.por parte do goberno local e, singularmente, de Ángel García Seoane, quen en reiteradas ocasións defendeu o dereito do propietario a edificar na parcela do antigo Maxi, chegando mesmo a lamentar “o moito que tiña sufrido” (o propietario) para poder sacar o proxecto adiante (Pleno do 19 de xaneiro de 2015).

Para o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros non hai a máis mínima dúbida de que esta viraxe de guión é, en primeiro lugar, froito directo da presión veciñal exercida nos últimos meses. Xa que logo, o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros parabeniza as veciñas e veciños que nos últimos tempos se mobilizaron contra o proxecto urbanístico. Foi esta mobilización a que conseguiu abrir, en Santa Cruz e en todo Oleiros, un máis que necesario debate social para buscar unha solución urbanística distinta para un dos espazos máis emblemáticos da vila de Santa Cruz. Considera o BNG que de non se ter iniciado este movemento veciñal habería meses que as máquinas estarían xa dentro da parcela.

O BNG-Asembleas Abertas considera evidente tamén que a denegación da licenza urbanística non é allea en absoluto á proximidade das eleccións municipais. Resulta moi rechamante que a razón central para denegala sexa que a edificación proxectada se destine a aparthotel e non a hotel: este era un dato xa coñecido na altura do mes de xaneiro e, non obstante, o Alcalde de Oleiros seguiu reiterando publicamente que o proxecto iría adiante, chegando mesmo a advertir no Pleno ao noso concelleiro Manuel Sarmiento que concedería a licenza, aínda que sen especificar cando. Por que a denega agora entón, a catro semanas da cita electoral? A pregunta, obviamente, é retórica. Hai medo a que unha connivencia tan descarada cuns determinados intereses particulares poida ter algún custo electoral inesperado.

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros anima a veciñanza a manter a presión veciñal e a non “baixar a garda”. Para o BNG, o obxectivo central continúa a ser a adquisición da parcela do antigo Maxi como ben público, con todas as garantías legais, para evitar que nela se constrúan edificacións que poidan crear unha pantalla visual e paisaxística e a iso se compromete no caso de ter responsabilidades de goberno. O BNG considera que unha correlación de forzas distinta a partir do 24 de maio pode ter consecuencias directas sobre o futuro da parcela do antigo Maxi e aproveitar a denegación da licenza para iniciar un camiño novo.

4320775752_a37cebb896_b.jpg

A denegación da licenza para o "novo Maxi" é un éxito histórico e rotundo da presión veciñal