Un Oleiros cun goberno nacionalista nunca usará recursos públicos para a campaña electoral do BNG
Maquinaria e operarios municipais preparan as "ceas frías" da precampaña electoral de AV
O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros quere chamar a atención sobre o uso fraudulento dos recursos municipais que está a levar a cabo o goberno local para dar cobertura á pre-campaña da súa marca electoral, Alternativa dos Veciños.
Nomeadamente, estamos a falar das chamadas "ceas frías" que se organizan nas diferentes parroquias, nas que a organización do alcalde, Ángel García Seoane, pon en marcha a súa maquinaria de cara ás eleccións municipais.
Nas últimas semanas temos comprobado visualmente en diferentes zonas do concello como operarios e maquinaria municipais limpan e acondicionan, en horario laboral, os espazos e os accesos aos lugares de ditas ceas (Nós, Dorneda...). Actos, insistimos, que non son de carácter municipal, senón organizados por un partido político. Estas facilidades que o goberno municipal de Oleiros se outorga a si mesmo contrastan coas dificultades de todo tipo que padecen outros colectivos sociais.
Entendemos que estas actuacións supoñen un uso indebido de fondos, recursos e persoal públicos que deberían estar ao servizo de todo o pobo, non da formación política que goberna.