O conflito laboral na Residencia de Maiores de Oleiros chega ao pleno municipal da man do BNG
O Bloque propón, a través dunha moción o apoio explícito da corporación oleirense ás traballadoras e traballadores na loita que están a librar por mellorar as súas condicións laborais
O BNG rexistrou o pasado 29 de abril unha moción de apoio ás traballadoras e traballadores da Residencia Asistida de Oleiros que será debatida no pleno municipal que se celebrará este xoves 7 de maio.
O BNG presenta esta moción a instancias do propio persoal da Residencia de Oleiros, que protagoniza, ao igual que o dos demais centros de traballo dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar, un duro conflito para mellorar as súas condicións de traballo e, sinaladamente, para recuperar o dereito ao descanso contemplado no artigo 19 do seu Convenio, secuestrado unilateralmente pola Xunta desde 2012.
O BNG de Oleiros considera inaudito que até o momento as duras e nefastas condicións laborais nas que desenvolven o seu labor as traballadoras da Residencia Asistida de Oleiros non merecesen a atención e a solidariedade do Concello onde está emprazado o centro, a menos de un 1 km do centro da capital municipal.
Para o candidato nacionalista á alcaldía oleirense, Fran Rei, deben ser as institucións máis próximas aos conflitos laborais as primeiras en se solidarizaren cos dereitos das persoas agredidas.
Ao problema dunhas quendas de traballo absolutamente brutais, na Residencia de Oleiros hai que sumar o clima de medo, represión e persecución sindical que viven as traballadoras por parte da dirección do centro. A Residencia oleirense ostenta o triste récord de acumular o maior número de expedientes abertos de todos os centros dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar.