ESTE TEMA FOI PROPOSTO POLO BNG NO PLENO EXTRAORDINARIO DO PASADO 13 DE AGOSTO E O GOBERNO MUNICIPAL DE OLEIROS COMPROMETÉRASE A BUSCAR UNHA SOLUCIÓN.

Urxe dar cunha solución aos alagamentos periódicos no Camiño do Saber en Santa Cruz

Camiño Colexio Isidro Parga Pondal
Urxe dar cunha solución aos alagamentos periódicos no Camiño do Saber en Santa Cruz

Como vén sendo habitual cada vez que chove cunha certa intensidade volveron subir as augas do río que desemboca no Porto de Santa Cruz, ocasionando, como en anos anteriores, o alagamento total do Camiño do Saber desta localidade, un dos accesos peonís do CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e o máis utilizado para acceder ao centro escolar polas nenas e nenos que viven na parte baixa da localidade oleirense. 

Este problema, recorrente desde hai anos, foi posto de manifesto polo BNG de Oleiros este pasado verán no transcurso do Pleno extraordinario do 13 de agosto que aprobou un modificativo de crédito que levaba asociado un importante número de obras en todo o municipio. O BNG, que apoiou co seu voto aquel modificativo e non cuestionou a necesidade das actuacións a el asociadas, si manifestou botar de falta algúns investimentos igual de necesarios, como este do Camiño do Saber. Na súa réplica o goberno municipal da Alternativa dos Veciños recoñeceu a existencia do problema e comprometeuse a traballar para dar cunha solución que o BNG agarda que efectivice canto antes. 

Para o BNG de Oleiros unha parte do problema que se dá periodicamente no Camiño do Saber está en que os leitos dos ríos e regatos non son limpados debidamente, sendo cada ano máis angostos, o que provoca alagamentos como o destes días entre a rúa María Casares e o CEIP Isidro Parga Pondal: vimos ese problema recentemente en lugares como A Veiga, en Nós, Bastiagueiro, no límite entre Perillo e Liáns ou a zona da urbanización do Pazo de Arenaza, en Iñás.  

O portavoz municipal do Bloque oleirense, Xurxo Martínez Caño, suxire evitar este tipo de problemas recorrentes por medio de traballos de prevención e mínimos coidados e mantemento por parte das distintas administracións responsábeis: limpeza de tubaxes e caleiros dos edificios municipais, das gabias e foxos das beiravías, dos rexistros de recollida de augas pluviais e tamén leitos de ríos. Ditos traballos débense acometer, na opinión de Martínez Caño, antes do inverno, antes das choivas.

Urxe dar cunha solución aos alagamentos periódicos no Camiño do Saber en Santa Cruz