Reunión cos mariscadores e as mariscadoras da Ría do Burgo

Ría_do_Burgo
Fonte: Wikipedia
Reunión cos mariscadores e as mariscadoras da Ría do Burgo

Esta semana estivemos na Cofradía de Pescadores da Coruña para coñecer de primeira man a problemática existente entre os mariscadores da Ría do Burgo e as administracións autonómica e estatal. Este colectivo vaise ver profundamente afectado durante os traballos de dragado e descontaminación da ría que comezarán ao longo de 2021. Xa non soamente perderán de extraer e vender o marisco, senón que serán os encargados de recuperar e coidar a cría durante os traballos de dragado, movéndoa de sitio segundo vaian avanzando as máquinas.

O lóxico sería pensar que, ante unha obra de tal calibre, se pactasen e orzamentasen tamén as axudas a estes 80 profesionais do mar, mais como a lóxica ás veces non é o que rexe nos gobernos este colectivo segue a día de hoxe sen saber que vai pasar con eles no momento en que comecen as máquinas a traballar. Vemos outra vez a danza macabra onde o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza, cando son de cores distintas, se pasan a pelota mutuamente. A Consellaría do Mar, sendo a única competente, tense que pronunciar xa, atender as peticións dos mariscadores e mariscadoras e reunirse con eles, pois nin iso fixeron.

Desde o primeiro día o BNG de Oleiros promoveu e apoiou activamente esta obra coma unha necesidade. Por iso o BNG xa presentou unha emenda ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado por valor de 1,3 millóns de euros para que o Estado, de común acordo coa Xunta, habilite unha liña específica de axudas económicas aos mariscadores mentres dure a paralización obrigada do seu traballo. Está previsto presentar outra emenda no mesmo sentido ao proxecto de Orzamentos da Xunta para 2021. Tamén estamos presentando distintas iniciativas tanto no Congreso coma no Parlamento de Galicia. A nosa compañeira Mercedes Queixas intervirá na Comisión de Pesca para pedir que se atenda este colectivo marisqueiro. Temos que coidar do noso patrimonio medioambiental pero sempre respetando a xente que boamente vive del, pois tamén é a nosa riqueza poder vivir do mar con dignidade.

Reunión cos mariscadores e as mariscadoras da Ría do Burgo