VISITA AO PROXECTO DE MULLERES COLLEITEIRAS EN IÑÁS CON NÉSTOR REGO
Visitamos o proxecto de Mulleres Colleiteiras co noso deputado Néstor Rego
Hoxe o BNG de Oleiros acompañou o noso deputado Néstor Rego nunha visita ao proxecto Mulleres Colleiteiras. Esta cooperativa social actualmente ten a súa sede no polígono de Iñás, e explicáronnos as dificultades que teñen para levar a cabo o seu proxecto de emprego, que tamén ten unha importante vertente social e ambiental.
Comprometémonos a ter en conta as súas demandas cando se estude o novo proxecto de Lei de Economía Social, ademais de seguir defendendo as súas demandas nos concellos da nosa comarca.
Neste momento, o contrato de recollida do aceite doméstico usado no Consorcio das Mariñas está caducado (desde o mes de outubro do ano pasado), ademais de que en 2024 deberán abandonar a nave que ocupan no Viveiro de Empresas de Oleiros. Explicáronnos, ademais, as dificultades de competir coas grandes empresas nos contratos de licitación, e falamos da necesidade de que os proxectos de verdadeira economía social teñan un maior protagonismo, ademais de que se realice un control exhaustivo deste tipo de contratos.
Na visita, ademais de Néstor Rego, estiveron presentes varios membros da nosa asemblea local e da nosa candidatura, como os números 2 e 3 da listaxe (Iria Taibo e Andrés Hernández Mouriño), ademais de Ana Gil Poisa, Antón Sánchez Cacheiro, Ánxeles Lesta e Manuel Ferreiro, que tamén se interesaron polo proxecto.