ENCONTRO SOBRE MEDIO AMBIENTE EN OLEIROS
O BNG organizou un encontro sobre medio ambiente
O BNG organizou o pasado 4 de maio un encontro en Oleiros con persoas vinculadas ao sector medioambiental (grupos de veciños e veciñas, asociacións ecoloxistas e activistas ambientais) no que se debateron diversas propostas para este sector.
No encontro participou o portavoz municipal e candidato da formación nacionalista en Oleiros, Iván Roca, xunto con outros membros da agrupación local e da candidatura, co obxectivo de coñecer as demandas das persoas máis interesadas e coñecedoras deste sector, ademais de dar a coñecer as propostas e demandas do BNG. Nos últimos meses, o Bloque Nacionalista Galego en Oleiros interesouse por temas como a situación de desprotección do Monumento Natural da Costa de Dexo, o proxecto de instalación dunha estación de servizo preto do Rego de San Pedro, talas de árbores, ou a xestión das colonias felinas.
Roca explicou aos asistentes as súas principais liñas de traballo e os seus obxectivos para o próximo período, e escoitou as súas achegas e opinións en relación co medio ambiente en Oleiros. O representante do BNG no Concello explicou a «clarísima e preocupante relación existente en Oleiros entre a ordenación do territorio, a mobilidade e o medio ambiente». Os principais eixos do programa electoral neste ámbito para as próximas eleccións municipais son a ordenación do territorio, a conservación da biodiversidade, o benestar animal, e a redución da pegada de carbono.
Ademais, Roca destacou a importancia de escoitar voces diversas para a elaboración dese programa e durante toda a lexislatura, xa que a política da organización nacionalista é sempre obxectiva e aberta a recibir opinións e asesoramento das persoas afectadas e especialistas dos diversos temas que xorden na actividade municipal. As persoas participantes na reunión fixeron achegas relacionadas co control de pragas como a da procesionaria, a promoción da compostaxe entre a veciñanza ou a proposta dunha xardinaría máis sustentábel. Deste xeito, informou de que o seu obxectivo é manter aberta esta liña de traballo, e continuar con este diálogo cos diferentes sectores e persoas implicadas ao longo da lexislatura.
Para o BNG, a protección activa do medio ambiente é unha prioridade en todos os concellos e demais institucións nas que participa, e Roca comprometeuse a seguir facendo bandeira desta defensa.