O COMERCIO DE PROXIMIDADE XA NON É UNHA OPCIÓN SENÓN UNHA NECESIDADE, POLO QUE LEVAREMOS NO PROGRAMA ELECTORAL UN PLAN ESTRATÉXICO PARA O COMERCIO LOCAL

Encontro aberto coas comerciantes do concello

0826ca98-6376-4e95-9a27-1b77cecc5c19_16-9-aspect-ratio_default_0 (1)
Fonte: A Opinión
Encontro aberto coas comerciantes do concello

O mércores 26 de abril tivo lugar no Centro Cívico de Santa Cruz unha reunión con comerciantes locais. Unha das preocupacións constantes no BNG de Oleiros é o comercio. A súa importancia é fundamental para facilitar servizos á veciñanza, e para favorecer o emprego e a mobilidade responsábel. Para intercambiar opinións e recoller as demandas e propostas organizamos este encontro, de cuxas conclusións damos conta.

Detectamos unha eiva importante no noso concello, que segue unha tendencia totalmente oposta ás medidas que levan anos implantándose durante anos en Concellos gobernados polo BNG, e que tamén se contempla no recentemente aprobado Plan Municipal de Urbanismo Sustentábel (PMUS) do concello de Oleiros: a interacción e dependencia entre o urbanismo, o comercio, o emprego e a mobilidade, co obxectivo de favorecer a proximidade. Todas as medidas que se teñen que tomar xa no eido da mobilidade, urbanismo ou comercio deben ir na mesma dirección: favorecer a  peonalización e todas as  alternativas ao vehículo particular. Cos problemas de mobilidade que padecemos en Oleiros só é posíbel un crecemento sustentábel dinamizando os principais núcleos de poboación e facéndoos o centro de actividades económicas compatíbeis e complementarias coa función residencial.

Oleiros ten unha poboación censada duns 37.000 habitantes, con máis de 10.000 adicionais que están vencellados e non censados. Porén, son unha minoría as persoas que traballan ou estudan a diario en Oleiros: a maior parte faino fóra (principalmente, na Coruña), o que implica importantes problemas de mobilidade, cun predominio moi preocupante do vehículo privado. Isto tamén provoca e favorece que a maior parte das compras tamén se fagan fóra do noso concello, prexudicando o desenvolvemento do comercio e o emprego local. 

Esta situación provocou que non teñamos unha estrutura de emprego e comercio ampla e sólida; non chegan a 700 empresas no sector do comercio ou dos pequenos servizos, e non contamos cunha infraestrutura que favoreza o seu uso (transporte entre os núcleos, estacionamento, zonas de carga e descarga...). Mais, sobre todo, detectamos a inexistencia de políticas de apoio e promoción ao comercio local por parte do Concello, onde non existen medidas activas e individualizas de apoio nin tan sequera unha concellaría ou departamento específico para tal fin.

Urxe corrixir esta tendencia, favorecendo o coñecemento, a promoción e o uso do comercio local e de proximidade, e levar a cabo políticas que o favorezan. Nesta liña na reunión mantida onte, o BNG de Oleiros debateu coas comerciantes locais unha serie de propostas recollidas nun Plan Estratéxico do Comercio de Oleiros (PECO), como a integración nos núcleos de poboación das infraestruturas comerciais; programas formativos para o comercio de proximidade; estudo serio e rigoroso sobre as necesidades de compra básicas e hábitos de consumo da poboación; creación dunha oficina de asesoramento especializada; política de mobilidade e urbanística orientada á rehabilitación de centros urbanos; convenios entre o Concello e as persoas propietarias de baixos desocupados, incentivos fiscais para todo o pequeno e mediano comercial e para o emprendemento; promoción de campañas periódicas de fomento do comercio local; promoción do asociacionismo comercial, remodelación e acondicionamento de rúas comerciais; liña de diálogo coa administración educativa durante o curso académico; diálogo coas entidades de crédito para favorecer a concesión de créditos en condicións favorábeis; acceso a liñas de axudas para a modernización do comercio; crear un sistema de fidelización de clientes en colaboración co Concello; creación dunha marca propia para o comercio de Oleiros; repensar o sistema da ORA durante os meses de verán e que o recadado repercuta no propio comercio.

Este foi un dos eixos centrais da nosa acción nas institucións municipais, e así continuaremos a partir do 28 de maio.

Encontro aberto coas comerciantes do concello