HABERÁ UNHA ROLDA DE ENCONTROS VECIÑAIS ABERTOS EN TODAS AS PARROQUIAS DO CONCELLO PARA “RENDER CONTAS” DO TRABALLO FEITO AO LONGO DO MANDATO

O BNG de Oleiros inicia este mércores en Montrove o seu proceso aberto para deseñar as bases do programa para as municipais

O BNG inicia este mércores un proceso asembleario, participativo e absolutamente aberto a toda a veciñanza que levará a formación nacionalista ás nove parroquias do municipio durante este mes de febreiro. Del resultarán as liñas xerais, e tamén moitas das propostas concretas, do programa electoral nacionalista para as eleccións locais do 26 de maio.

O BNG de Oleiros inicia este mércores en Montrove o seu proceso aberto para deseñar as bases do programa para as municipais

O BNG inicia este mércores un proceso asembleario, participativo e absolutamente aberto a toda a veciñanza que levará a formación nacionalista ás nove parroquias do municipio durante este mes de febreiro. Del resultarán as liñas xerais, e tamén moitas das propostas concretas, do programa electoral nacionalista para as eleccións locais do 26 de maio.

Este proceso de diálogo aberto coa veciñanza, que se inicia este mércores día 6 ás oito da tarde no Centro Cultural de Montrove e continuará o xoves á mesma hora na Casa do Pobo de Nós, está caracterizado na súa primeira fase pola “rendición de contas” sobre o traballo feito polo BNG ao longo do actual mandato, tanto no labor de oposición municipal como no resto da actividade política que se leva desenvolvido. Para o portavoz municipal do Bloque, Fran Rei, a rendición de contas diante da cidadanía “é unha obriga ética e debería ser unha obriga política, mesmo regulada por lei, obrigatoria tanto para quen está nos gobernos como para quen fai oposición, e non só cada 4 anos, senón constante ao longo de todo un mandato”.

A intención primeira do BNG de Oleiros é informar a toda a veciñanza, sexa cal for a súa simpatía política, do traballo desenvolvido desde o pleno municipal e desde outros ámbitos pola formación. Outro obxectivo deste proceso será abrir un diálogo “aberto, sincero e honesto” coas veciñas e veciños de todo o municipio, “escoitar activamente” o que desexen transmitir e, sobre todo, “seguir construíndo, desde a aprendizaxe, un modelo de concello para o futuro”. “De aí sairá”, confía Fran Rei, “o mellor programa electoral, porque será o froito dese diálogo previo e a xente sentirase identificada con el”.

O BNG ten previsto solicitar, nunha segunda fase do proceso, encontros con todo o tecido asociativo do concello. A idea que manexa o Bloque para estas entrevistas será intercambiar visións e opinións sobre o estado actual do municipio “co Oleiros que máis se move”, coñecer de primeira man as súas demandas e necesidades concretas e recoller as súas propostas para que o programa sexa tamén “o das entidades sociais”.

Como xa fixera en 2015, o BNG de Oleiros aposta politicamente por “construír a casa por abaixo” e definir primeiro as liñas dun programa electoral “atractivo, ilusionante e confiábel”. Unha vez deseñado o programa, será o momento de escoller nomes para conformar a candidatura nacionalista.

A relación completa de asembleas abertas que terán lugar durante todo este mes de febreiro (todas serán ás oito da tarde) é a seguinte:

- Mércores, 6 de febreiro: Teleclube de Montrove.
- Xoves, 7 de febreiro: Casa do Pobo de Nós.
- Mércores, 13 de febreiro: Casa Charry de Oleiros.
- Venres, 15 de febreiro: Local Municipal de Maianca (Praza da Lagoa, Mera).
- Luns, 18 de febreiro: Casa do Pobo de Lorbé
- Mércores, 20 de febreiro: Local Social de Rialta (Dorneda).
- Xoves, 21 de febreiro: Casa do Pobo de Iñás.
- Martes, 26 de febreiro: Lar Espazo Aberto (Santa Cruz).
- Xoves, 28 de febreiro: Casa da Cultura de Perillo.