UNHA ASEMBLEA DE CARÁCTER ABERTO CONVOCADA PARA O VINDEIRO XOVES 11 TERÁ A ÚLTIMA PALABRA SOBRE A CANDIDATURA COMPLETA E SOBRE O PROGRAMA ELECTORAL
Fran Rei anuncia a súa disposición a repetir como candidato do BNG en Oleiros convidando a caroleiro, café e tortilla
Este venres Fran Rei presentou publicamente cun “petisco” informal no Restaurante El 13 de Santa Cruz o primeiro tramo da candidatura do BNG que, de novo, encabezará para as eleccións municipais do 26 de maio. Só el repite con respecto ao mesmo tramo da listaxe de hai catro anos. Das cinco primeiras persoas que conforman esta primeira parte da candidatura, tres incorporáronse ao BNG ao longo deste mandato.
Este venres Fran Rei presentou publicamente cun “petisco” informal no Restaurante El 13 de Santa Cruz o primeiro tramo da candidatura do BNG que, de novo, encabezará para as eleccións municipais do 26 de maio. Só el repite con respecto ao mesmo tramo da listaxe de hai catro anos. Das cinco primeiras persoas que conforman esta primeira parte da candidatura, tres incorporáronse ao BNG ao longo deste mandato.
Xurxo Martínez Caño, de Lorbé; Natalia Martos López, de Montrove; Susana Peña Liaño, de Perillo; e Uxío Pedreira Dans, de Santa Cruz son os nomes que acompañan ao de Rei no primeiro tramo dunha candidatura que será 100 % paritaria (mesmo número de mulleres e homes) e para a que se prevé unha baixa media de idade, ademais de ser territorial e socialmente representativa do “Oleiros que máis se move”. Como xa acontecera hai catro anos, a candidatura do Bloque incorporará persoas independentes, sen militanza orgánica no BNG, ao tempo que non descoidará a experiencia de militantes históricas e históricos do nacionalismo de esquerdas no municipio.
Durante o café-coloquio, tanto Rei como as compañeiras e compañeiros que o acompañan no primeiro tramo da listaxe avanzaron algunhas das ideas do programa sobre as que se está a traballar neste momento en materias como mobilidade, vivenda, territorio, cultura, deportes, participación veciñal, economía e emprego ou benestar animal.
Rei adiantou que haberá moitas propostas novas que achegarán ao programa creatividade, frescura e innovación e puxo en valor que moitas das ideas que recolle foron achegadas pola veciñanza a través das asembleas abertas celebradas nas parroquias do concello, da aplicación de móbil que se creou ou das redes sociais.
Fran Rei agradeceu á veciñanza que está a colaborar as súas moitas “ideas claras” para que Oleiros funcione (aínda) mellor. Para isto, sinalou o candidato, é imprescindíbel “ter máis forza”no Concello para, dese xeito, multiplicar a capacidade de traballo dun BNG que non se pon límite ningún e está en disposición de asumir calquera responsabilidade, “incluída a de gobernar”.
Unha asemblea aberta que se celebrará o vindeiro xoves día 11 ratificará, de maneira definitiva, tanto a candidatura completa como o programa electoral nacionalista na súa totalidade.