932 agradecementos e moito, moito traballo por diante
A falta de coñecerse o resultado definitivo (cando a Xunta Electoral decida sobre as incidencias) e dunha análise máis profunda, que faremos nunha asemblea aberta que convocaremos proximamente, o que podemos e debemos ir facendo é dar as grazas a cada unha das 932 persoas que en ?Oleiros? optaron onte pola única candidatura nacionalista de esquerdas que concorreu ás eleccións no noso concello, a do BNG-Asembleas Abertas.
A falta de que poida haber algunha pequena variación no final, son 33 votos máis que hai 4 anos e unha porcentaxe sobre o total un pouquiño superior: do 5.21 ao 6.04 %. A única forza da oposición que sobe numericamente en votos. Nalgunhas mesas, a terceira forza política, por diante do PSOE; en liñas bastante xerais, cun resultado bastante parello, aínda que no cómputo xeral haxa un certo aumento da distancia debido á nosa febleza organizativa e falta de capacidade para chegar á xente como é debido nalgunhas parroquias. É unha debilidade -non a única - que teremos que saber como resolver nesta nova etapa.
Do punto de vista electoral, conseguimos un obxectivo importantísimo: manter presenza no Concello. É verdade que non a conseguimos ampliar (e mantemos ese único concelleiro que vimos tendo ininterrompidamente desde 1999, a primeira vez que nos presentamos a unhas municipais). Mais tamén é verdade que neste contexto era máis complicado que nunca: e máis aínda coa ampliación da maioría absoluta para Alternativa dos Veciños, a quen desde aquí enviamos os nosos sinceros parabéns como forza clarisimamente vencedora. Non é segredo ningún que para o BNG en Oleiros as eleccións municipais foron, de sempre, o campo máis difícil de todos. Desta volta, melloramos tremendamente, por exemplo, o resultado das eleccións europeas do ano pasado: onte obtivemos 301 votos máis.
Sabemos que ademais do voto tradicionalmente nacionalista, o que opta sempre polo BNG, tivemos tamén a confianza doutras persoas que abranguen sensibilidades ben máis plurais do que aparentemente pode parecer, e que por distintas razóns confiaron en nós: a esas persoas, a esas sensibilidades, asegurámoslles que o que fagamos nesta lexislatura non será sen contar con elas: coa súa opinión e o seu criterio. Eses mesmos criterios de participación directa e real que propúñamos para o Concello no noso programa, caso de poder chegar ao goberno, aplicarémolos na toma colectiva de decisións, dando exemplo de que non falamos dunha simple promesa electoral, senón dunha maneira de entendermos nós a política e a democracia.
Do punto de vista político, hai hoxe en Oleiros un nacionalismo máis forte e máis organizado, un nacionalismo que ten moito futuro por diante: cun equipo de xente que combina renovación e experiencia, cun probadísimo compromiso militante. Ese equipo vai seguir traballando no institucional, pero tamén no social, a pé de rúa sempre. Temos tamén unha rede de simpatías e de apoios que medra: de xente espallada por todo o concello que, sen ser militante, axuda ou colabora connosco. Alargar esa rede e seguila tecendo, día a día, ten que ser desde hoxe mesmo a nosa máxima prioridade.
Cómpre, por último, asumir sen reparos que non logramos outros obxectivos: un que, evidentemente, a veciñanza non quixo depositar nas nosas mans responsabilidades de goberno; o outro, que non fose posíbel articular outra correlación de forzas diferente á que houbo nos últimos 4 anos: hai un PP máis débil, algo que para a maioría social é unha moi boa noticia, mais repítese o esquema da maioría absoluta, consolidándoo. Só cabe agardar que desta vez non sexa utilizado, como os últimos 4 anos, como muro de contención contra debates e propostas e poida haber un goberno municipal máis dialogante, máis flexíbel e máis receptivo ao entendemento a pesar da súa incontestábel maioría. Pola nosa parte, non vai quedar.