O BNG de Oleiros considera un “erro de cálculo” a supresión da liña de bus interparroquial a partir do 1 de xaneiro e chama a reconsiderala
Iván Roca, portavoz municipal do BNG: “É unha auténtica emenda á totalidade do goberno municipal contra si mesmo, non só cara a unha iniciativa que no seu día foi pioneira, senón tamén cara ao seu discurso público actual en favor dun mellor modelo de mobilidade”.
A formación nacionalista, que xa preguntou no Pleno do pasado maio polo futuro da liña, propón que só se elimine no momento en que haxa xa articulada outra opción mellor e máis eficiente.
O BNG de Oleiros acolle con moita preocupación o anuncio do goberno municipal de Ángel García Seoane de eliminar, a partir do 1 de xaneiro de 2025, a liña de transporte público que de luns a venres comunica Lorbé co Burgo, no veciño concello de Culleredo, nun percorrido que dá servizo a unha importante parte da xeografía do municipio oleirense, tanto que para moita veciñanza é coloquialmente coñecido como “o bus das parroquias”. A liña comunica tamén cunha parte moi poboada do veciño concello de Cambre como é A Tapia, caracterizada polo seu pulo comercial e de servizos, antes de cruzar a ría para a parte cullerdense. É, pois, un elemento vertebrador entre os núcleos de Oleiros, mais tamén entre distintos núcleos da comarca: un servizo de transporte puramente metropolitano que axuda a vertebrar a comarca.
Non é a primeira vez que a continuidade desta liña de bus é posta en dúbida: por esa razón o portavoz municipal do BNG en Oleiros Iván Roca preguntou no Pleno do pasado mes de maio polos plans de futuro do servizo. Desde entón nada se ten avanzado en articular, na práctica, unha nova ou varias novas liñas que melloren a opción actual. O goberno municipal, a través do Alcalde, falou de “estudos”, sen máis precisión, mais nada novo se soubo até o anuncio que agora se vén de facer público.
O BNG descoñece, en rigor, se a decisión de suprimir a liña de Lorbé ao Burgo parte dun diálogo previo coas residentes e o tecido veciñal das distintas parroquias ás que o transporte vén prestando servizo -comunicando, por exemplo, moitos dos núcleos coa capital municipal para facilitar a realización de xestións administrativas nas dependencias municipais que teñen alí a súa sede ou co Polígono de Iñás e o Centro Comercial Parqueoleiros. Tamén descoñece o BNG se a eliminación é unha medida incluída, ou recomendada, no Plan de Mobilidade (PMUS) aprobado agora hai algo máis de 2 anos ou se obedece a unha diagnose incluída dentro dos traballos que precederon este Plan.
Nun momento social en que a mobilidade é percibida como un dos problemas centrais da veciñanza de Oleiros e no que o propio goberno municipal está a lle reivindicar á Xunta de Galiza un mellor modelo de transporte público semella, cando menos, estraño, e até contraditorio con ese discurso, que se decida suprimir unha liña de bus só con 15 días de anticipo, xusto a única que sostén economicamente o Concello de Oleiros en solitario.
O BNG propón que esta decisión sexa reconsiderada, e como mínimo, aprazada no tempo até que non entre en funcionamento unha solución mellor, máis eficiente se é que a houber, que garanta a continuidade do servizo nas mesmas condicións que até agora.