Falemos sen medo de municipalizar servizos: o caso das piscinas municipais de Oleiros
A Xunta de Goberno do Concello de Oleiros celebrada o pasado martes 22 de marzo tratou como un dos puntos da súa orde do día a proposta de prorrogar durante, ao menos, un ano o contrato de explotación das catro piscinas municipais con que conta o municipio á empresa Aqualia. A adxudicación do contrato celebrada no seu día foi por seis anos e caducaría no presente ano, mais tal e como explicou a primeira Tenente de Alcalde, María José Varela, na comisión informativa previa á Xunta de Goberno, o propio contrato posibilita unha prórroga de até catro anos.
O BNG, a través do seu portavoz municipal, Fran Rei, expuxo na comisión a proposta de aproveitar que caduca a concesión deste servizo municipal para, cando menos, estudar a posibilidade de comezar a traballar nunha dirección diferente no relativo á xestión dos servizos municipais: así, o portavoz nacionalista propuxo encargarlle aos servizos xurídicos municipais a elaboración dun estudo, con todo o tempo necesario, para explorar a posibilidade de municipalizar a xestión das piscinas municipais no futuro. Este informe, segundo argumentou Rei, debería ter por finalidade estudar todas as vantaxes e inconvenientes dunha hipotética xestión pública do servizo para poder tomar a mellor decisión, mesmo incluindo as implicacións económicas que a decisión suporía.
O BNG lembrou que o debate político sobre a municipalización ou mesmo o rescate de servizos públicos externalizados (privatizados) dos concellos está desde hai meses na sociedade e está a chegar nos últimos tempos a moitas institucións, a comezar polos chamados concellos con gobernos do cambio, non só a nivel galego, senón tamén nalgunhas das grandes cidades do Estado.
O BNG de Oleiros anima as forzas políticas de Oleiros a abrir este debate, como outros, con naturalidade, sen medos e sen tabús, ao igual que se está a facer noutros municipios. Que un servizo municipal leve anos privatizado non implica que a privatización sexa a única opción posíbel ou que a xestión pública directa teña que resultar necesariamente peor, sostén o portavoz municipal nacionalista.