Néstor Rego pregunta no Congreso polo inicio das obras de soterramento do tráfico na Avenida das Mariñas

cruce_perillo_CesarQuian_lavozdegalicia
Fonte: La Voz de Galicia

O deputado do BNG lembra na súa interpelación parlamentaria que a tramitación xa estaba avanzada e que só falta por saber "cando comezarán unhas obras polas que se agarda desde hai máis de 15 anos". Para o BNG oleirense eliminar unha parte substancial do tráfico en superficie e humanizar a zona é fundamental para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria, mais tamén a calidade de vida e o deseño urbano desa zona de Perillo.

 

 

Néstor Rego pregunta no Congreso polo inicio das obras de soterramento do tráfico na Avenida das Mariñas

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria en forma de pregunta, dirixida ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para coñecer que prazos manexa o departamento do que é titular o socialista José Luis Ábalos para o inicio das obras de soterramento do tráfico na AC-12 ao seu paso pola parroquia oleirense de Perillo, no cruzamento coñecido como do Sol y Mar

Na súa iniciativa Néstor Rego lembra que a tramitación desta intervención, longamente demandada tanto polo Concello de Oleiros e outros municipios da comarca como, moi especialmente, pola veciñanza da zona, está xa moi avanzada e "practicamente" só quedaría por definir os prazos de execución e o inicio das obras. "Sendo conscientes de que a crise sanitaria causada pola COVID19 e a declaración do Estado de Alarma ten paralizado moitos proxectos, instamos o Ministerio a reiniciar actuacións polas que se leva agardando tantos anos". O primeiro proxecto para o soterramento do tráfico no cruzamento do Sol y Mar data de 2004.

O BNG lembra ao Ministerio na iniciativa rexistrada que Perillo é a segunda parroquia máis poboada do concello de Oleiros e que só na contorna da Avenida das Mariñas, unha travesía urbana en toda regra, aínda que non teña esa consideración legal, calcúlase que viven arredor de 4000 veciñas e veciños, ao que hai que sumar a actividade económica que xera o polígono empresarial situado na zona. A pesar disto, nunca se executou para esta vía, continuación da N-VI, un deseño urbano que atendese as necesidades de mobilidade peonil segura das persoas residentes. Por iso toda actuación nesta zona, ao entender do BNG, debe ir encamiñada ao calmado do tráfico en superficie e a humanización da mesma, asegurando o dereito a unha mobilidade peonil e ciclista segura que redunde na calidade de vida das e dos residentes.

Néstor Rego pregunta no Congreso polo inicio das obras de soterramento do tráfico na Avenida das Mariñas