O BNG de Oleiros demanda á Xunta que remate co caos nas liñas de transporte metropolitano que afectan a Oleiros

e46eedae-1fd9-49c0-bcdc-55862667d0dd_16-9-discover-aspect-ratio_default_0

A Xunta non está a facer o labor de inspección do cumprimento dos contratos e semella que a planificación que deu lugar ao novo mapa de liñas ficou obsoleta ao pouco tempo

O BNG de Oleiros demanda á Xunta que remate co caos nas liñas de transporte metropolitano que afectan a Oleiros

O servizo de autobús metropolitano está sendo obxecto de críticas reiteradas e que abranguen varias liñas. Existe unha opinión xeneralizada na Comarca, e nomeadamente no Concello de Oleiros, dun caos no servizo metropolitano de transportes.

 

Esta situación non é nova. Parece que dende o período de pandemia, ou ben as empresas deixaron de cumprir coas obrigas contractuais, ou ben a Xunta non está facendo o labor de inspección do cumprimento dos contratos, ou ben a planificación que deu lugar ao novo mapa de liñas ficou obsoleta ao pouco tempo.

 

A día de hoxe segue sen contarse cunha aplicación para os telemóbeis que permita saber canto vai tardar o bus, en que parada é máis conveniente coller o seguinte bus, ou que liñas pasan polo itinerario que se procura. Este tipo de aplicacións hai tempo que están dispoñíbeis na localidade veciña da Coruña, nos seus autobuses urbanos. É inexplicábel que non contemos cunha aplicación deste tipo para o bus metropolitano.

 

Sexa como for, en varias localidades da nosa comarca estanse a producir inexplicábeis atrasos que afectan tanto a nosa comunidade universitaria como as persoas que acoden cada día ás súas citas médicas ou aos postos de traballo da nosa clase operaria.

 

O BNG solicitará ao pleno do Concello de Oleiros a adopción de acordos no sentido de demandar á Xunta da Galiza que remate co caos reinante no servizo de autobús metropolitano, obrigando as concesionarias ao cumprimento dos contratos; que se proceda á creación de novas liñas e frecuencias que se adapten á situación e completando a cobertura actual; en todo caso, nas horas punta a empresa debe reforzar o servizo cun segundo vehículo (ou máis, se for preciso, atendendo a demanda real). É inaceptábel que a xente teña que ir de pé en transporte que fai traxectos interurbanos; que se demande das compañías do bus a creación e posta a disposición dunha aplicación para telemóbeis de uso dos buses ao estilo da que xa existe na Coruña; que se obrigue ás empresas concesionarias a poñer en aberto os datos de xeolocalización para que entidades públicas ou privadas poidan desenvolver novas aplicacións con utilidades novas; que a totalidade dos buses que dan servizos ás nosas liñas sexan accesíbeis e seguros.

O BNG de Oleiros demanda á Xunta que remate co caos nas liñas de transporte metropolitano que afectan a Oleiros