programa electoral
Novas
presentación do programa 3

O BNG de Oleiros presentou as principais propostas do seu programa

O candidato, Iván Roca, presentou o programa da formación nacionalista xunto cos números 2 e 3 da candidatura, Iria Taibo e Andrés Hernández Mouriño

Elaborárono de xeito colectivo, escoitando propostas de veciños e veciñas e de diferentes entidades e persoas dos sectores implicados

 

As propostas do BNG para Oleiros non son medidas illadas, nin entre si nin dos outros concellos da contorna, cos que este concello comparte territorio e problemáticas, e cos que é preciso contar necesariamente para procurar solucións.

No BNG de Oleiros estamos firmemente convencidos e convencidas de que é preciso mudar o modelo e entender o noso concello como un todo, xa que os problemas do prezo e da dispersión da vivenda teñen consecuencias para a mobilidade, para o emprego e o comercio, mais tamén para o medio ambiente ou para a conciliación.

Estas son algunhas das principais medidas que propomos para os próximos catro anos:

1. O acceso á vivenda é un dereito fundamental, debemos recuperar a porcentaxe de promoción pública municipal en todas as promocións novas previstas, en todas as áreas do concello, ademais de abrir unha liña de axudas ao alugamento e outra para a rehabilitación de vivendas.

2. Consideramos que Oleiros ten moita marxe de mellora no ámbito do medio ambiente: cremos que é preciso crear unha Concellaría de Medio Ambiente, adaptar as políticas á situación de emerxencia climática ou avanzar na protección de áreas en situación de perigo.

3. Moitas persoas de Oleiros teñen emprego noutros concellos da nosa área, o que aumenta a problemática da mobilidade e a falta de cohesión, polo que propomos unha forte política de promoción da creación de emprego, e incentivos ás empresas existentes, ademais dun importante compromiso coas empresas con carácter social.

4. O Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel do Concello de Oleiros, aprobado en setembro de 2022, fai un diagnóstico moi completo e propón unha gran variedade de medidas coas que concordamos plenamente e comprometémonos coa súa aplicación, ademais de coa divulgación do propio Plan, que nos parece unha guía moi útil para os próximos anos: é imprescindíbel dar prioridade á mobilidade alternativa ao vehículo privado, ademais de repensar o modelo de dispersión da poboación e facilitar que todas as parroquias teñan ao seu alcance os servizos máis básicos.

5. Apoiaremos o comercio local con diferentes medidas de incentivo á creación de novos negocios e campañas de divulgación e promoción dos comercios existentes e sensibilización sobre a importancia do comercio de proximidade, ademais de iniciativas de formación.

6. A transparencia e participación son unha eiva importante deste concello. Precisamos que tanto os partidos da oposición como toda a cidadanía teñan un maior acceso á información sobre o uso do diñeiro público, e aos medios de comunicación municipais. Propomos a creación dun regulamento de participación cidadá.

7. Cremos que é preciso dar un paso máis aló na actividade cultural deste concello, facendo que a política neste ámbito non se basee unicamente na programación de espectáculos, promovendo a cultura de base e deseñando programas con obxectivos a longo prazo, implicando as distintas entidades do concello e promovendo a súa existencia e actividade.

8. Cómpre introducir melloras e innovacións nas diferentes políticas dirixidas ao benestar social da poboación, en xeral, e das persoas e colectivos máis desfavorecidos, en particular. Corrixir a ordenanza que regula as axudas de emerxencia social para permitir que manteñan o seu poder adquisitivo neste contexto de gran suba dos prezos, crear un recurso de aloxamento para as mulleres vítimas da violencia de xénero, incrementar a formación sobre a violencia de xénero e sexual ao persoal municipal que traballe no eido do lecer, ou a posta en marcha dun servizo de coidado de nenos e nenas son algunhas das medidas máis urxentes que é preciso acometer.

9. Profundizaremos na promoción da lingua galega, impulsando iniciativas de dinamización e sensibilización social, ademais de retomar o Premio Xulio Dans.

10. O BNG sempre traballa desde unha perspectiva comarcal e de país, pois non podemos vivir de costas aos concellos da contorna, cos que xa compartimos moitas problemáticas e servizos. Traballaremos para conseguir a creación da Área Metropolitana da Coruña.

Ler novas
Programas Electorais
IMG-20190508-WA0017

O BNG presentou esta mañá un programa electoral de “ideas claras” para que Oleiros funcione “ aínda mellor”.

Hoxe, mércores 8 de maio, o BNG  presentou en Santa Cruz o seu programa para as eleccións municipais do 26 de maio. No acto explicouse o proceso de elaboración do programa que arrincou hai meses coa celebración de asembleas abertas en todas as parroquias e a apertura dunha páxina web nas que a veciñanza pode realizar as súas  propostas.

Podes ver o programa completo pulsando aquí 

Ler novas
Campañas
bng_candidatura_municipais_2019

Fran Rei anuncia a súa disposición a repetir como candidato do BNG en Oleiros convidando a caroleiro, café e tortilla

Este venres Fran Rei presentou publicamente cun “petisco” informal no Restaurante El 13 de Santa Cruz o primeiro tramo da candidatura do BNG que, de novo, encabezará para as eleccións municipais do 26 de maio. Só el repite con respecto ao mesmo tramo da listaxe de hai catro anos. Das cinco primeiras persoas que conforman esta primeira parte da candidatura, tres incorporáronse ao BNG ao longo deste mandato.

Ler novas
Campañas
Casa_Charry_Oleiros_Wikipedia

Nova app móbil para achegar propostas electorais

O BNG de Oleiros lanza unha sinxela aplicación móbil para que calquera persoa ou colectivo poida achegar de maneira directa propostas ou ideas concretas de cara á elaboración do programa para as eleccións municipais do próximo 26 de maio.

Ler novas
Campañas
Asembleas_Abertas_Parroquias

O BNG de Oleiros inicia este mércores en Montrove o seu proceso aberto para deseñar as bases do programa para as municipais

O BNG inicia este mércores un proceso asembleario, participativo e absolutamente aberto a toda a veciñanza que levará a formación nacionalista ás nove parroquias do municipio durante este mes de febreiro. Del resultarán as liñas xerais, e tamén moitas das propostas concretas, do programa electoral nacionalista para as eleccións locais do 26 de maio.

Ler novas