O BNG demanda melloras nas liñas de autobús metropolitano
O BNG reclama, tanto en Oleiros e en Sada como no Parlamento Galego, que a Xunta de Galiza revise as liñas, frecuencias e horarios do transporte metropolitano, debido ás mudanzas que o goberno galego puxo en marcha nos últimos días.
Ademais de problemas de conexión entre o norte de Oleiros e Sada, todas as persoas usuarias do servizo de autobús metropolitano son coñecedoras das eivas deste servizo público: autobuses saturados, frecuencias, liñas e horarios non adaptados ás necesidades da cidadanía ou información insuficiente e de mala calidade.
O inicio da época estival só acrecenta os problemas de mobilidade nestes dous concellos (e entre eles), polo que é o momento máis axeitado para reforzar os servizos.
Potenciar o uso do transporte público debería ser un dos principais obxectivos das administracións públicas, tanto polo que implica para o noso medio ambiente como pola saturación actual da mobilidade viaria que se vive na nosa comarca.
Por todo isto, o BNG insiste, unha vez máis, na necesidade de manter un servizo axeitado para a cidadanía e de, en lugar de reducir liñas e frecuencias, amplialas para adaptalas á realidade da mobilidade da comarca, e potenciar así unha verdadeira mobilidade sustentábel.