O BNG de Oleiros denuncia a insuficiencia das liñas e frecuencias do servizo de transporte metropolitano

e46eedae-1fd9-49c0-bcdc-55862667d0dd_16-9-discover-aspect-ratio_default_0
e46eedae-1fd9-49c0-bcdc-55862667d0dd_16-9-discover-aspect-ratio_default_0

 A Xunta da Galiza é incapaz de reaxir aos problemas e ao caos do transporte público en autobús e de adaptarse á realidade de Oleiros

Autocarros “a rebentar”, problemas coa accesibilidade, carencia de información actualizada e dinámica dos servizos existentes

Iván Roca, edil do BNG Oleiros: “Os datos indican que os problemas van ir a máis e a Xunta amósase cada vez máis incapaz, torpe, ríxida, lenta e carente da máis mínima axilidade para adaptarse á realidade cambiante de Oleiros

O BNG de Oleiros denuncia a insuficiencia das liñas e frecuencias do servizo de transporte metropolitano

Máis de 920.000 veciñas de Oleiros apañaron o autocarro no 2023 cara á Coruña, o que supón un incremento do 19,5 % con respecto ao 2022. Temos os récords ou índices máis elevados da Galiza en desprazamentos diarios de vehículos privados vehículos por habitante (taxa de motorización), escasa poboación que traballa no Concello, incremento substancial de visitantes en períodos estivais, predominio absoluto do vehículo privado tanto en residentes como visitantes. Oleiros é o concello do país con máis residentes non nacidos no territorio oleirense, son innumerábeis os desprazamentos diarios cara á comarca, nomeadamente á Coruña, e a populación segue a medrar. A radiografía é clara: enorme incremento de desprazamentos e de demanda do transporte público.

O servizo de autobús metropolitano está sendo obxecto de críticas reiteradas e que abranguen varias liñas. Existe unha opinión xeralizada na Comarca, e nomeadamente no Concello de Oleiros, dun caos no servizo metropolitano de transportes. Esta situación non é nova. Parece que dende o período de pandemia, ou ben as empresas deixaron de cumprir coas obrigas contractuais (como foi o caso dos problemas para o acceso das persoas con diversidade funcional), ou ben a Xunta non está facendo o labor de inspección do cumprimento dos contratos, ou ben a planificación que dou lugar ao novo mapa de liñas ficou obsoleta ao pouco tempo.

A día de hoxe segue sen contarse cunha aplicación para os telemóbeis que permita saber canto vai tardar o bus, en que parada me interesa coller o seguinte bus, ou que liñas pasan polo itinerario que quero apañar. Estanse a producir inexplicábeis atrasos que afectan tanto a nosa comunidade universitaria como as persoas que acoden cada día ás súas citas médicas, como na chegada aos seus postos de traballo da nosa clase operaria.

Dende o BNG volvemos demandar (por clamor social da cidadanía) á Xunta da Galiza que remate co caos reinante no servizo de autobús metropolitano, obrigando as concesionarias ao cumprimento dos contratos; que se proceda á creación de novas liñas e frecuencias, que se acomoden ás situacións que na actualidade carecen de cobertura e, en todo caso, nas horas punta a empresa debe reforzar o servizo cun segundo vehículo (ou máis, se for preciso, atendendo a demanda real). Demandamos tamén que a liña B9 chegue até Lorbé.

Por outra banda, é inaceptábel que sexa preciso ir de pé en transporte que fai traxectos interurbanos; que se demande das compañías do bus a creación e posta a disposición dunha aplicación para telemóbeis de uso dos autobuses, ao estilo da que xa existe na Coruña; que se obrigue ás empresas concesionarias a poñer en aberto os datos de xeolocalización para que entidades públicas e ou privadas poidan desenvolver novas aplicacións con utilidades novas; que a totalidade dos buses que dan servizos ás nosas liñas sexan accesíbeis e seguros.

Perante todas estas demandas, a Xunta de Galiza amósase incapaz, torpe, ríxida, lenta e carente da máis mínima axilidade para adaptarse á realidade arriba descrita do concello. Mais, contrariamente, esta institución debuxa un escenario irreal e un mundo de perfección no que mesmo reclama ao Concello de Oleiros que sufrague o custe de ampliar os servizos até o norte do municipio.

Os problemas irán a máis no futuro, os datos descritos falan por si sós.

O BNG de Oleiros denuncia a insuficiencia das liñas e frecuencias do servizo de transporte metropolitano