O BNG PROPÓN AO CONCELLO DE OLEIROS APROVEITAR A RECUPERACIÓN DOS RESTOS DE FRANCISCO MIGUEL PARA TRIBUTAR AO PINTOR REPRESALIADO EN 1936 E Á SÚA FAMILIA UN ACTO DE HOMENAXE E REPARACIÓN
O BNG propón homenaxear o pintor represaliado Francisco Miguel e á súa familia
O BNG oleirense propón ao goberno municipal da Alternativa dos Veciños “implicarse” activamente na busca de descendentes da familia do artista e xestionar a traída dos restos de Syra Alonso desde México
Francisco Miguel, Syra Alonso e os seus tres fillos vivían en Santa Cruz cando viñeron prender o pintor para “pasealo”. O BNG de Oleiros leva varios anos propondo homenaxear a súa memoria
Cando todo parece indicar que un dos corpos recuperados na parroquia carballesa de Bértoa grazas ao traballo da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) é o do pintor Francisco Miguel, asasinado en setembro de 1936, o BNG de Oleiros vén de se dirixir ao goberno municipal de Ángel García Seoane coa proposta de aproveitar a grande oportunidade deste achado para tributar ao pintor e á súa familia, veciños de Santa Cruz, “un merecido acto de xustiza, reparación e desagravio”.
A parella formada por Francisco Miguel e Syra Alonso, cos seus tres fillos, instalouse, logo dun intenso periplo vital por distintas cidades de América e Europa, nunha casa de Coruxo de Abaixo, en Liáns, que hoxe permanece en pé e en relativo bo estado de conservación. A esa casa viñeron buscar o pintor vangardista para prendelo en dúas ocasións, en agosto e en setembro de 1936; na segunda das dúas xa para darlle “o paseo”. O seu corpo, con signos de cruel brutalidade (amputáronlle as mans e fendéronlle a cabeza), aparecería uns días despois na parroquia carballesa de Bértoa, de onde agora foi exhumado, xunto cos doutras tres persoas, entre eles un pai e un fillo veciños da parroquia oleirense de Nós.
A persecución padecida pola familia, desde a inxusta detención de Francisco Miguel até a fuxida ao exilio mexicano, contouna Syra Alonso nos seus Diarios, obra publicada en 2000. Alá en México falecería en 1970 Alonso, sen retornar nunca máis a Galiza.
Malia o afecto que sentían por Oleiros, sempre expresado por Syra nos seus escritos, o certo é que Oleiros aínda debe un recoñecemento institucional a tan ilustres e comprometidos veciños. O BNG leva varios anos reclamando esta homenaxe, ben coa dedicatoria dun espazo público ben con algunha outra fórmula, sen que até o momento se teña atendido nunca esta proposta. Unha exposición temporal na Biblioteca Municipal de Santa Cruz, situada a moi poucos metros da casa na que viviron, e un roteiro escolar teñen sido, polo de agora, as únicas iniciativas municipais para rescatar do silencio e da desmemoria os nomes de Francisco Miguel, de Syra Alonso e dos seus tres fillos.
A localización dos restos do pintor e intelectual constitúe, a xuízo do BNG de Oleiros, “unha oportunidade inmellorábel” para avanzar na reparación da dor causada. Así, a formación nacionalista propón que o Concello “poña a funcionar os seus recursos” para localizar descendentes directos da familia, se os houber, e xestionar, de común acordo con eles, a traída dos restos de Francisco e de Syra de volta á que sentiron como a súa terra até que a barbarie fascista de xullo de 1936 llela roubou.