O BNG solicita que a totalidade das relacións da cidadanía coa Garda Civil e co Xulgado de Paz de Oleiros se poidan facer de xeito presencial
O BNG demanda a instauración das opcións presencias perante o xulgado de paz de Oleiros. A única maneira para realizar un trámite no xulgado de paz de Oleiros é coa obtención de cita previa e a ocupación máxima desa dependencia é dunha única persoa
O ”Defensor del Pueblo” asegura que a petición de quenda forzosa incumpre a Constitución española, e diversos expertos en dereito consideran ilegal este sistema da cita previa.
No BNG de Oleiros estamos a recibir constantes queixas e observacións por parte da veciñanza, relativas á obrigatoriedade de, en determinados supostos taxados e para solicitaren a cita previa, teren que utilizar e relacionarse coa Garda Civil de maneira exclusiva e imperativa mediante a opción denominada "Aplicación e-denuncia".
Esta imperatividade da cita previa está prevista mesmo para a denuncia de determinados casos que afectan a presuntos delitos recollidos no Código Penal como, por exemplo, os casos de roubo de vehículos, en vehículos ou furtos. A devandita aplicación “e-denuncia” presenta problemas de índole práctica mesmo para persoas dixitalizadas, como puidemos comprobar en reiteradas tentativas e ocasións.
Por outra banda, no Xulgado de Paz de Oleiros establécese como única opción dispoñíbel para a cidadanía a da Cita previa “Sólo se atiende con cita previa” e “AFORO MÁXIMO UNA PERSONA POR FAVOR, ESPERE SU TURNO”. Iván Roca considera “escandaloso que se sigan a aplicar para unha situación de normalidade as mesmas medidas que se aplicaban nunha pandemia de índole mundial que provocaba centos de mortos cada día. Semella que existe medo na Administración da cidadanía, poñendo atrancos? Nunha relación que debe ser de servizo á mesma, eixo básico da Función Pública”.
Solicitamos, pois, tanto ao Xulgado de Paz como á Garda Civil de Oleiros, que reparen á maior brevidade estas anomalías e sexa reinstaurada a relación directa e presencial da cidadanía coas diferentes Administracións.