O CONCELLEIRO DO BNG EN OLEIROS PREGUNTARÁ NO PLENO AO GOBERNO LOCAL SE VAI ASUMIR ESE RECHEO E COMO O VAI FACER
Preocupación ante a incorporación de recheos ao concello de Oleiros asentados en lodos altamente contaminantes na Ría do Burgo
A Ría do Burgo está inzada de residuos contaminantes que foron depositando durante décadas a industria da contorna e os vertidos. Costas confirmou que está previsto que este segundo recinto estea finalizado no mes de abril e que, de xeito inmediato, comece a encherse. A colmatación da beira de Oleiros permitirá que se gañe terreo, que se dedicará a zonas verdes.
O BNG vai presentar unha batería de preguntas no vindeiro pleno que se desenvolverá neste mes de febreiro, que versarán sobre asunción por parte do Concello destes recheos situados sobre lodos altamente contaminantes, tal e como o propio Estado afirma, acerca do mantemento destes recheos e sobre os potenciais danos e perigos de todo tipo que se poderían producir.
Consideramos, dende o BNG, perentoria e obrigada a existencia de informes técnicos independentes que acrediten a inocuidade presente e potencial dun terreo gañado e asentado en residuos contaminantes.
Cómpre igualmente clarificar o futuro das marismas existentes e as marismas salvaxes desta parte da ría. Entendemos que a información pública para a cidadanía resulta escasa ou inexistente e o tempo non pode ser unha escusa, o retraso endémico na rexeneración da nosa Ría é público e notorio.