Demandamos no Parlamento Galego a suspensión do “IX Costa Trail de Oleiros”
As parlamentarias do BNG no Hórreo solicitan información urxente sobre a o devandito Trail, xa que a 20 días da presunta celebración do mesmo non se ten constancia oficial de ningún tipo. Requírese á Xunta a través de tres preguntas para que aclare todo o vencellado a este invasivo Trail que se pretende celebrar na Costa (DES)protexida de Dexo.
Após as queixas das veciñas de Dexo relativas á apertura de novos camiños e do aplanamento de terreos realizados en leiras de particulares; após as preguntas formuladas polo Concelleiro do BNG no Pleno ordinario de febreiro de Oleiros; após a solicitude de acceso ao expediente referido á celebración o noveno “Costa-Trail de Oleiros” e a documentación xerada co gallo do mesmo da que se dispoña no Concello, presentada por Rexistro no Concello de Oleiros polo concelleiro do BNG; após a resposta da Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña á consulta elevada por parte de veciñas de Dexo, na que a devandita Xefatura manifestou, vía correo electrónico, descoñecer absolutamente a existencia dun Trail na Costa de Dexo, mesmo manifestando que nesa institución non consta ningunha solicitude a ese respecto.
Após todas estas intervencións e a menos de 20 días da presunta celebración do “Costa-Trail de Oleiros” seguimos mergullados no descoñecemento máis absoluto con respecto a esta cuestión.
A única información da existencia do “IX Costa-Trail de Oleiros” figura na páxina web da entidade privada organizadora. Descoñecemos, a nivel oficial, absolutamente todo sobre este invasivo e potencialmente perigoso Trail. Non se coñece se foi autorizado, nin cando, o trazado; non se coñece que departamento da Xunta o aprobou, non se sabe cal foi a intervención preceptiva de Medio Ambiente e Patrimonio, non son públicas as medidas que se van tomar para protexer a biodiversidade e patrimonio ameazados ou as medidas de control anteriores e posteriores á celebración do mesmo. Non se sabe se van ser abertos novos camiños, se invaden propiedade privada, se existe autorización dos veciños. Descoñécese a participación e o rol que desenvolverá o Concello.
O BNG no Parlamento galego vai proceder a demandar toda a información sobre o Trail “fantasma” que terá lugar na Costa (des)protexida de Dexo, solicitando aclaracións sobre quen, como e con que informes se autorizou esa proba, o trazado e afectación a patrimonio medio ambiental e cultural e sobre os controis que se van tomar. O que está absolutamente claro é que a Xunta non consultou absolutamente a ningún colectivo ecoloxista, nin veciñal nin abriu ningún período público de reflexión sobre a procedencia ou incidencia da proba.
Dende o BNG continuamos a insistir na suspensión do Trail e na demanda de información clara e de xeito público, desta vez no Parlamento galego a través de tres preguntas presentadas polas nosas parlamentarias no Hórreo, Mercedes Queixas e Luís Bará, perante a Mesa do Parlamento. As preguntas requiren resposta escrita de xeito urxente e senllas respostas urxentes de carácter oral a dar tanto na Comisión segunda como no propio Pleno.
As nosas parlamentarias solicitan respostas claras sobre a mesma celebración do IX Trail, sobre se a Xunta coñece o trazado polo miúdo da proba, sobre a solicitude por parte da empresa organizadora de atravesar a totalidade do Monumento natural da Costa Protexida de Dexo, acerca de se existe autorización por parte da Xunta, se esta proba é compatíbel coa devandita catalogación de Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais, ao abeiro do Decreto 101/2000, como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, tamén se inquire sobre a existencia de informes de medio Ambiente e Patrimonio á vista da especial sensibilidade da zona en ambos os dous eidos; finalmente, demándase información sobre as medidas que se van tomar para a protección do Patrimonio cultural e natural, alén da solicitude da inmediata suspensión da proba dado o invasivo da proba e a necesaria priorización do devandito Patrimonio descrito.
Dende o BNG, demandamos máis unha vez á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que reconsidere se é o máis acaído para unha zona protexida destas características que 350 persoas corran en pleno período de aniñamento de aves pola totalidade do Monumento Natural, fixando novas sinalizacións que en moitos dos casos fican e non se retiran, alén de todos os traballos preparativos previos e posteriores á propia proba. Demandamos, pois, a inmediata suspensión do Trail e que non volva ter lugar na até o de agora Costa (des)protexida de Dexo, Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo e Zona de Reserva da Biosfera, cuxas proteccións oficiais na práctica non equivalen a nada. Dende o BNG ofrecémonos para procurar itinerarios alternativos ao lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis importantes da Galiza.
Tamén dende o BNG queremos insistir, máis unha vez, en deixar claro o noso máis absoluto apoio e compromiso coa actividade física, o deporte e as competicións deportivas de todo tipo que teñan lugar no Concello; é máis, promovémolas e alentámolas: carreira si, mais no así, nun Monumento Natural.