IVÁN ROCA, CONCELLEIRO DO BNG EN OLEIROS “TEMOS UN CONCELLO ABSOLUTAMENTE INZADO DE GASOLINEIRAS. PARA NADA PRECISAMOS UNHA A MENOS DE 40 METROS DO FUTURO PASEO DE REGO, PASEO PARA O DESFRUTE DA NATUREZA E O LECER DA CIDADANÍA E QUE NIN SEQUERA VAI APORTAR UN SÓ EMPREGO A ECONOMÍA LOCAL”
O BNG de Oleiros presentou alegacións perante Augas da Galiza polo proxecto de instalación dunha gasolineira en Iñás, nas inmediacións do Rego de San Pedro
Unha cadea de gasolineiras low cost proxecta instalar unha estación de servizo en Iñás, na rúa Faro, preto da rotonda que conecta coa avenida das Mariñas (Nacional-VI), pola parte traseira dun gran bazar. Este proxecto se localizaría a menos de 40 metros do Rego de San Pedro, por onde vai discorrer o chamado Paseo do Rego que xa está a realizar o Concello, trátase dunha das propostas estrela dos orzamentos municipais para o ano 2023.
O BNG preguntou no pleno de xaneiro ao goberno Local acerca do que se sabía deste proxecto, se existían trámites iniciados no Concello e se sabían se xa fora solicitada a autorización preceptiva a Augas da Galiza pola proximidade da corrente fluvial.
No BOP do 7 de marzo publícase a solicitude de Plenoil SL perante Augas de Galiza por atoparse a parcela onde queren construír unha gasolineira, nas marxes do río San Pedro.
O 9 de marzo o concelleiro do BNG Iván Roca Cruz, presenta alegacións contra a autorización dunha estación de servizo nas marxes do devandito río xa que o entendemos contrario á lexislación vixente alén de calquera tipo de lóxica na protección das correntes fluviais do país, xa abondo castigadas durante décadas. Neste caso concreto temos que lembrar que as augas do Rego de San Pedro van desembocar directamente á Ría do Burgo, ría que está sendo obxecto de dragaxe e descontaminación após décadas de maltrato sistemático, proceso que está a adquirir uns enormes custos para o erario público. Cómpre lembrar asemade os múltiples episodios de peche ao marisqueo da ría do Burgo por contaminación por hidrocarburos.
As estacións de servizo, como moitas outras actividades industriais, están catalogadas como potencialmente contaminantes do solo. A propia Xunta da Galiza ten informado que, segundo as súas estatísticas, o 44 % das gasolineiras presentaban afección contaminante nos solos onde as están situadas. Sobran pois as palabras, especialmente cando se pretende facer a carón dun espazo destinado ao goce da natureza por parte da cidadanía.
Alén dos potenciais riscos que existirían de ser confirmada a localización da estación de servizo, todo apunta a que a mesma sería de autoservizo, polo tanto non crearía ningún posto de traballo.