COLAS DENDE AS 4 DA MAÑÁ PARA INSCRIBIRSE NUNHA ESCOLA INFANTIL PRIVADA DE OLEIROS DADO QUE NAS PÚBLICAS NON EXISTEN PRAZAS PARA CUBRIR A DEMANDA EXISTENTE
Escaseza de prazas nas escolas infantís de Oleiros
O BNG esixe á Xunta a adecuación das prazas das escolas infantís á demanda existente en cada Concello para rematar coas listaxes de agarda que imposibilitan a conciliación familiar.
As colas dende as 4 da mañá na Escola Infantil As Abelliñas, situada na localidade de Oleiros, débense á escaseza de prazas para crianzas de 0-3 anos tanto en escolas públicas como privadas. Nais e pais (con menores de 3 anos) con cadeiras e mantas á intemperie e con baixas temperaturas, tentando acadar unha praza para as súas crianzas, dada a imposibilidade de acceder a unha praza nunha escola pública.
Nesta escola privada as prazas outórganse por orde de chegada e en función do número de horas solicitadas, situación que provocou as lamentábeis imaxes hoxe acontecidas, máis propias de eventos multitudinarios de lecer ca de situacións relacionadas coa atención de necesidades básicas.
Dada a carencia crónica de prazas públicas nas escolas Infantís de 0-3 anos, a Xunta da Galiza subvenciona prazas en escolas infantís privadas.
A situación da matrícula provoca unha clara discriminación cara ás escolas privadas con respecto ás publicas, xa que aínda que o prazo de matrícula comeza antes nas escolas públicas, resólvese antes nas privadas, situación que forza a nais e pais a tentar garantir canto antes unha praza para as súas crianzas. Nas escolas privadas non é preciso que os meniños teñan que ter nacido, nas escolas públicas si. Nas privadas existen facilidades plenas para superar o número de 8 horas diarias, nas públicas non.
Os requisitos para a matrícula nas escolas públicas son obxectivos (empadroamento, rendas..) nas privadas aténdese exclusivamente á orde cronolóxica de chegada, situación que provoca as infames ringleiras do día de hoxe. O que provoca esta inaudita discriminación a prol das escolas privadas é que tanto rendas altas como o resto prioricen este tipo de centros para garantir canto antes unha praza para os seus miúdos.
No noso Concello existe listaxe de agarda en escolas públicas e privadas dende decembro, cunha incerteza absoluta, especialmente para as crianzas nacidas nos últimos meses. O BNG de Oleiros demanda dende hai anos unha nova escola infantil, concretamente na parroquia de Nós, terceira en poboación do noso concello.
Dende o BNG denunciamos esta esperpéntica situación que será levada ao pleno ordinario de abril e tamén por parte das nosas parlamentarias no Hórreo que solicitarán á Xunta que remate esta situación, demandando parazas públicas para todas aquelas familias que as necesiten e facilitando a urxente e necesaria conciliación familiar, utópica até o de agora na Galiza.