Solicitamos á Xunta da Galiza un informe ambiental e control exhaustivo do “IX Costa Trail de Oleiros”
O BNG de Oleiros demanda á Xunta da Galiza un informe ambiental e control exhaustivo do “IX Costa Trail de Oleiros”, que terá lugar no Monumento Natural da Costa (DES)protexida de Dexo o 26 de marzo, e información e acceso á hipotética autorización de Medio Ambiente.
O 26 de marzo vai ter lugar no Monumento Natural Costa (DES)protexida de Dexo o noveno “Costa-Trail de Oleiros”, carreira pedestre de montaña de iniciativa privada. A proba atravesa integramente a Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais, ao abeiro do Decreto 101/2000, como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo”, zona que se ve ameazada por unha proba deportiva altamente invasiva e absolutamente incompatíbel coa conservación dos valores polos que foi declarado espazo protexido.
A data de hoxe non consta ningún tipo de autorización oficial da Xunta da Galiza ao respecto do devandito Trail. As inscricións, co correspondente pagamento, xa están fechadas dende o 21 de marzo. O trazado foi deseñado unilateralmente polo promotor privado, sen que conste supervisión oficial de ningún tipo por parte do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, mesmo con queixas da veciñanza de Oleiros por presuntas invasións de propiedade privada e achandamento de terreos (estas queixas deron lugar a unha reunión de ambas as dúas partes sen supervisión nin intervención da Xunta). A propaganda do Trail, o cobramento das taxas e o deseño da ruta realizáronse de xeito público e sen ningunha autorización da Xunta, pola vía dos feitos. A Xunta ten a posibilidade de desmentir esta información e acreditar documentalmente a data de autorización do Trail e o informe preceptivo de Medio Ambiente ANTERIOR á publicidade do Trail e demais datos que aparecen no Dosier do promotor privado.
O BNG de Oleiros solicita, a data de 23 de marzo de 2023, á Xunta da Galiza:
- Que se examine polo miúdo o trazado e condicións do Trail, xa que entendemos que pode afectar de forma apreciábel o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario e os hábitats das especies de interese para a súa conservación.
- Que se realice un informe ambiental exhaustivo a efectos da posíbel autorización.
- Que se notifique a decisión aos efectos de poder realizar as alegacións que considere oportunas no caso de ser favorábel á autorización do Trail.
- En caso de que non se tivese presentado a solicitude de autorización preceptiva perante Medio Ambiente por parte do promotor e, xa que logo, sendo unha proba ilegal, pedimos que se notifique a hora e lugar de celebración do Trail ao Seprona e a Policía Autonómica, así como ao Concello de oleiros, para que se tomen as medidas oportunas, pois todo está organizado para que teña lugar, con centos de persoas apuntadas.
O BNG de Oleiros solicita, a data de 23 de marzo de 2023, a SEPRONA e Policía Autonómica:
- Dado que vai ter lugar o vindeiro domingo 26 de marzo no Monumento Natural Costa (DES)protexida de Dexo o noveno “Costa-Trail de Oleiros”, carreira pedestre de montaña de iniciativa privada, pídese que se proceda a controlar a proba pola súa probábel realización sen autorización ambiental da Xunta.
- Que, de ter autorización (circunstancia que a día de hoxe non consta), se examine polo miúdo o trazado e condicións do Trail, xa que entendemos que pode afectar de forma apreciábel o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario e aos hábitats das especies de interese para a súa conservación.
Descoñecemos, a nivel oficial, absolutamente todo sobre este invasivo e potencialmente perigoso Trail. Non se coñece se foi autorizado nin cando, cal é o seu trazado, non se coñece que departamento da Xunta o aprobou, non se sabe cal foi a intervención preceptiva de Medio Ambiente nin de Patrimonio, non son públicas as medidas que se van tomar para protexer a biodiversidade e patrimonio ameazados nin as medidas de control anteriores e posteriores á celebración do mesmo. Non se sabe se se abriron novos camiños, nin se se invade propiedade privada. O BNG demandou no Parlamento galego toda a información sobre o Trail “fantasma” na Costa (des)protexida de Dexo, solicitando aclaracións sobre quen, como e con que informes se autorizou esa proba, o trazado e afectación a patrimonio medioambiental e cultural e sobre os controis que se van tomar. Non existe resposta algunha. O que está absolutamente claro é que a Xunta non consultou absolutamente a ningún colectivo ecoloxista, nin veciñal nin abriu ningún período público de reflexión sobre a procedencia ou incidencia da proba. Achamos que a que realmente non existe é a propia Xunta.