Oleiros terá durante esta lexislatura o goberno máis caro da súa historia
O pleno municipal aprobou unhas retribucións salariais brutas que suman 517.000 ao ano entre alcalde, concelleiras/os e persoal de confianza nomeado a dedo
O pleno municipal do Concello de Oleiros celebrado no mediodía de hoxe acordou, alén do organigrama do goberno municipal para os vindeiros catro anos, as retribucións salariais anuais brutas que percibirán as e os integrantes da corporación municipal para o exercicio das súas funcións.
O BNG-Asembleas Abertas lamenta que, segundo o acordado co voto favorábel e máis que suficiente da Alternativa dos Veciños, Oleiros vaia ter para a lexislatura que iniciamos o goberno local máis caro en toda a actual etapa democrática: nada menos que 517.000 anuais brutos na suma de salarios entre alcalde, concelleiras e concelleiros do goberno con dedicación e persoal eventual de confianza; cantidade que aínda será algo superior cos custos adicionais de Seguridade Social que sexan de aplicación.
O portavoz municipal nacionalista, Fran Rei, lamentou na súa intervención que Oleiros non aproveite a ocasión para sumarse ao novo tempo político de cambio que se está a abrir noutros lugares, dentro e fóra de Galiza, en sintonía coas demandas cidadás que reclaman cuestións tan básicas como que as e os representantes institucionais adapten o seu nivel salarial á realidade económica da maioría social e, relacionada con iso, que o desenvolvemento de cargos de representación nas institucións non se acabe convertendo nunha ocupación laboral indefinida. Rei pediu do goberno municipal xestos de sensibilidade coas persoas que están a padecer as consecuencias do desemprego, da precariedade dos traballos, da emigración como única saída laboral posíbel, das pensións de xubilación miserábeis (Galiza ten as máis baixas de todo o Estado) e mesmo das que viven ás portas da exclusión social, que tamén hai en Oleiros, dixo.
O Alcalde ponse a si mesmo un salario de 54.000 anuais brutos -os mesmos que na lexislatura anterior, só 1.000 por debaixo do límite salarial imposto pola lexislación estatal. O mesmo acontece co número de dedicacións exclusivas (nove, incluída a do Alcalde): a lexislación estatal impón o límite de 10 para concellos dunha poboación como a de Oleiros. A elas hai que sumar, ademais, tres dedicacións parciais, de 18.000 anuais de salario bruto as de menor retribución. De novo, o goberno da Alternativa dos Veciños opta, como xa fixera en 2011, por acaparar para si todas as dedicacións -exclusivas e parciais -e por negarlle ao resto de grupos municipais o dereito a dispoñer desa posibilidade, como si acontece noutros concellos. Os grupos da oposición unicamente teremos dereito a percibir as correspondentes dietas por asistencia a plenos e comisións informativas. O portavoz do BNG xa advertiu no pleno desta mañá que, con dietas ou sen elas, dedicará á súa función de concelleiro mañá, tarde e noite.
O Alcalde tamén propuxo hoxe ao pleno que o novo goberno local dispoña de 7 cargos de "confianza", o chamado persoal eventual de libre designación (a dedo), como apoio ao labor de distintas áreas do executivo local. Trátase de 7 liberacións de natureza políticas (como afirmou o propio Alcalde), a menor delas retribuída con 17.000 anuais. Ángel García Seoane asegurou que algunha delas non se cubrirá "polo momento", ao tempo que recoñeceu que outras terán funcións concretas para áreas como Deportes, Parques e Xardíns (o director desta área) ou Aforro Enerxético. Fran Rei preguntouse se tales nomeamentos non son un xesto de desconfianza cara ao persoal funcionario e laboral do Concello e apostou claramente por profesionalizar a dirección técnica das áreas, dado o extraordinaria profesionalidade do persoal propio que ten o Concello.
A maioría absoluta da Alternativa dos Veciños tamén serviu para aprobar seguir co esquema, xa iniciado en 2011, de baleirar o pleno municipal de competencias reais, que de novo recaerán na Xunta de Goberno, onde só ten presenza Alternativa dos Veciños. O BNG opúxose a tal medida por considerar que o Pleno do Concello é e debe ser o centro da vida política municipal, dos seus debates, propostas e decisións: tamén por ser o organismo cuxas sesións, polo seu horario, pode presenciar a veciñanza; a súa composición é plural e a súa natureza é, por tanto, máis participativa. O BNG considera que a Xunta de Goberno debe funcionar como órgano complementario ao Pleno, e non ao revés.