A primeira moción do mandato: proposta de declaración institucional contra a Lei Mordaza

A primeira moción do mandato: proposta de declaración institucional contra a Lei Mordaza

Este mediodía o portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros, Fran Rei, rexistrou para o seu debate en Pleno a que é a primeira moción nacionalista deste mandato: unha proposta de declaración institucional en favor da inmediata derrogación da chamada Lei Mordaza e da modificación do Código Penal, vixentes desde a medianoite do 1 de xullo.

Eis o texto da moción presentada:

Ás doce horas deste 1 de xullo entrou en vigor a Lei Orgánica 4/2015, de protección da seguridade cidadá, xa popularmente coñecida como a Lei Mordaza. Esta Lei, unanimemente rexeitada en toda a súa tramitación parlamentaria pola totalidade das forzas políticas da oposición, por movementos sociais, por colectivos profesionais e por moitas e moi diversas voces do ámbito legal e xudicial en todo o Estado, compleméntase ademais cunha reforma do Código Penal, xa en vigor tamén, que introduce e legaliza aspectos non menos regresivos, preocupantes e controvertidos: sirvan como exemplo a eufemisticamente chamada Prisión permanente revisábel, un enganoso camiño pola porta de atrás para chegar á instauración da cadea perpetua no Estado español, ou a legalización das chamadas “devolucións en quente” de migrantes que sexan detidas ou detidos no momento de entraren ilegalmente en territorio estatal.

Estas medidas, de extrema gravidade do punto de vista legal, xa mereceron a presentación dun recurso de inconstitucionalidade e o compromiso de todas as forzas políticas da oposición de derrogalas de inmediato unha vez que se produza un cambio de goberno no Estado español.

Non existen as razóns obxectivas que puidesen aconsellar un cambio de lexislación como o que vén de entrar en vigor na medianoite deste pasado 1 de xullo en materia tan sensíbel como a dos dereitos civís e liberdades públicas. Exactamente como adoita acontecer nos peores réximes autoritarios, o goberno central xustifica este retroceso lexislativo sen parangón na actual etapa democrática á necesidade de “garantir a seguridade cidadá”. Non fan senón exportar a lóxica mesquiña, suicida e esquizofrénica das potencias imperiais que tanto admiran, como Estados Unidos, Gran Bretaña ou Francia, que na práctica presentan como contrapostos os principios de liberdade e de seguridade (frente a ameazas chamadas terroristas, ou doutro tipo) e non dubidaron, con brutais cambios na súa lexislación, en sacrificar a primeira coa escusa (din) de fortalecer a segunda.

A chamada Lei Mordaza, xunto coa correspondente modificación do Código Penal que a sustenta, non pode evitar, con todo, que sexa ben evidente o propósito real dos seus promotores: naceu exactamente para dar unha resposta, policial e autoritaria, nun contexto de graves recortes económicos, sociais e laborais, de empeoramento da calidade de vida e dos dereitos da inmensa maioría social e, en consecuencia, dun ciclo caracterizado polo aumento da mobilización cidadá. Coa finalidade única e indisimulada de frear este ciclo mobilizador e reivindicativo chega esta Lei, que reserva un terríbel réxime sancionador para todo tipo de suspostos relacionados coa convocatoria, difusión, apoio ou simple participación en actos reivindicativos que poidan ser considerados ilegais pola autoridade ou mesmo, no extremo, considerados de incitación ou apoio ao terrorismo. Especialmente demencial e perigoso, pola súa arbitrariedade e absoluta falta de ponderación, é o apartado reservado ás condutas e actividades a través de Internet e nas redes sociais: a simple visita continuada a determinadas páxinas web ou a realización de comentarios en redes sociais poden chegar a supoñer mesmo penas de prisión. A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información alerta de que mesmo a organización de protestas online pode ser con esta nova Lei e co novo Código Penal feito constitutivo de delito.

Estamos diante dunha Lei que parte do susposto falso de considerar intrinsecamente violenta, ou potencialmente violenta, calquera tipo de protesta, mobilización ou acción reivindicativa. Con simplemente atendermos o historial de mobilizacións dos últimos anos ou cunha simple consulta ás hemerotecas, veremos que a inmensa maioría dos actos de protesta, en Galiza e en todo o Estado, transcorren sen incidentes, sendo casos moi puntuais os que rematan con episodios de violencia.

A chamada “Lei Mordaza” nace precisamente para todo o contrario do que proclama: para crear inseguridade na xente, para atemorizar, para silenciar, para desmobilizar; para camiñar, ou máis ben para retroceder, cara a unha sociedade orwelliana que viva instalada no control, no medo, na desconfianza. É misión de toda a sociedade civil, de todo o pobo, erguer a voz contra este ataque despiadado ás nosas liberdades cívicas, tan traballosamente conquistadas despois dunha ditadura de 40 anos que as negou e as combateu. Pero é misión, tamén, das institucións representativas da vontade popular, como os concellos, erguermos tamén a nosa voz de indignación e poñérmonos do lado das nosas veciñas e veciños como o que somos, o pobo feito institución.

Por este motivo, o BNG-Asembleas Abertas propón deste Pleno a adopción do seguinte

ACORDO

Converter a presente moción en declaración institucional do Pleno do Concello de Oleiros en favor da inmediata derrogación da Lei Orgánica 4/2015, chamada de Protección da Seguridade Cidadá, así como da reforma do Código Penal vixente desde a medianoite do 1 de xullo.

Dar a debida publicidade á dita declaración institucional e traslado inmediato da mesma á Delegación do Goberno Central en Galiza e ás institucións correspondentes, así como aos grupos parlamentarios no Congreso e no Senado.

Dar conta tamén desta posición institucional ao Presidente da Xunta de Galiza, á Presidenta do Parlamento de Galiza e á FEGAMP.

Apoiar institucionalmente cantos actos de protesta ou mobilizacións cidadás se convocaren, no noso ámbito xeográfico máis próximo, contra esta chamada “Lei Mordaza” e ofrecer a cobertura deste Concello e dos seus medios en canto puidesen precisar os seus promotores, sempre de acordo coa dispoñibilidade humana e de medios existente.

Oleiros, 2 de xullo de 2015

Monolito Praza Liberdade Nós

A primeira moción do mandato: proposta de declaración institucional contra a Lei Mordaza