Propostas e preguntas: Pleno municipal ordinario do mes de xaneiro (26/01/2023)

Casa_Charry_Oleiros_Wikipedia
Propostas e preguntas: Pleno municipal ordinario do mes de xaneiro (26/01/2023)

Propostas e solicitudes (Rogos):

  • Co gallo da apertura á cidadanía do treito do Paraíso anunciado recentemente, apareceu na imprensa o nome de diferentes rúas da zona, nomeadamente da chamada Rúa dos Sauces. O BNG solicita ao goberno local que, se é posíbel, muden o nome desa rúa adaptándoo ao artigo 22 da ordenanza de normalización lingüistica aprobada no 2004 polo Concello de Oleiros.

    Se for posíbel gostaríamos de que ficase en Rúa dos Salgueiros, árbore de nome tan fermoso e tan común no noso Concello, especialmente nas partes máis húmidas.

     

  • Veciñas de Oleiros, usuarias da piscina municipal de Perillo manifestan ao BNG de Oleiros continuas avarías na caldeira da mesma que ocasionan que a auga da piscina teña unha temperatura manifestamente inferior á habitual e con reiteración no tempo. Manifestan igualmente ter elevado queixas á concesionaria por esta incidencia.

    O BNG roga ao goberno local, a investigación deste factos e, no caso de seren acreditados, se inste á concesionaria a que tome as medidas oportunas para que a situación volva á normalidade.

     

  • Determinados espazos, como os piñeirais, son un hábitat natural no que a eiruga procesionaria se atopa especialmente cómoda. Veciños do Concello están a informar da presenza deste perigoso insecto, nomeadamente para mascotas e cativada. Afirma a veciñanza que esta incidencia xa se puxo en coñecemento do Concello, que balizou a zona con cintas.

    O BNG roga ao goberno local que considere a posibilidade de tomar outras medidas máis efectivas para evitar riscos potenciais na cidadanía e mascotas.

     

  • O camiño do Saber volveuse asolagar após as últimas choivas, situación que se repite con demasiada frecuencia. Non é a primeira vez que levamos esta situación ao pleno, agardamos que sexa a última. O devandito camiño é a vía mais segura para que a cativada se poda desprazar a pé até o CEIP Parga Pondal.

    Rogamos ao Goberno local que poñan fin á devandita situación tan repetida no tempo.

 

Preguntas:

  • A normativa autonómica, nomeadamente da Lei de montes, fixa unhas distancias mínimas da maleza e de eucaliptos, acacias e piñeiros con respecto das vivendas. No Concello dispoñemos, ademais, dunha Ordenanza que regula as plantacións e talla no Concello de Oleiros. Estanse a tomar medidas dende o Goberno Local para o cumprimento destas distancias mínimas con respecto ás vivendas da veciñanza?

 

  • O Mercado Municipal de Perillo, tal e como vén insistindo dende hai lustros o BNG, precisa unha reforma e un plano de xestión integrais; o Goberno local anuncia na imprensa que por fin vai acometer a devandita reforma e solicitar fondos europeos para a mesma. En que altura se acha o proxecto encamiñado á reforma e como van ser as súas características? Cando está previsto que se soliciten estes fondos europeos e en que formato? Vai haber financiación adicional á dos fondos europeos (Xunta, Deputación, Concello...)?

 

  • O locutor de Radio Oleiros (ao cal mandamos unha afectuosa aperta dende o BNG de Oleiros), vén de xubilarse. Sábese algo da persoa que o vai substituir e do procedemento que se empregará para levar a cabo a devandita substitución?

 

  • O Alcalde de Oleiros vén de manifestar e denunciar atinadamente, o escándalo e a nulidade que supón o presunto centro de día que se acha no andar superior da Casa do Mar de Mera, onde existen dúas persoas contratadas para a intensa axenda que ocasiona xestionar unha sesión semanal de pilates e outra mensual de podoloxía. Alén disto, o Alcalde advertiu da inminente chegada a Mera de sobre 1.000 novos habitantes que se instalarían nas Urbanizacións da Xentiña e Cividás. Perante este incremento considerábel de poboación nas parroquias do norte, demanda o Alcalde (con moita razón tamén) a ampliación do ambulatorio de Mera para poder acoller o tamén máis que necesario incremento de persoal sanitario e medios para correcto funcionamento e atención sanitaria do devandito ambulatorio. O Goberno local pode contar en todo momento co BNG para demandar unha asistencia sanitaria de calidade e pública no noso Concello. Porén, entendemos dende o BNG que esta sería tan só unha das necesidades do forte incremento porcentual de poboación que se prevé, nomeadamente tendo en conta a multiplicación dos residentes durante o período estival e a forte afluencia aos areais da localidade meracha. Existe algún plano integral por parte do Concello para asumir todo o incremento asistencial a nível de aparcadoiros, seguranza, maior frecuencia de transporte público, limpeza, infraestruras etcétera que este aumento poboacional vai supoñer? Que medidas vai tomar o Concello para paliar estas necesidades potenciais?

 

  • A Opinión da Coruña publicaba o 20 de xaneiro a intención dunha cadea de gasolineiras de baixo custo de establecer unha destas gasolineiras en Iñás, perto da NVI, con acceso e saída para os vehículos na Rúa Faro, na parte traseira dun Bazar. Pola descrición achamos que este proxecto se ubicaría a escasos metros do Rego de San Pedro, por onde vai discorrer o chamado Paseo do Rego que xa se está a realizar. A gasolineira sería de autoservizo, polo tanto non crearía ningún posto de traballo. Segundo estudos da Xunta da Galiza. Son certas estas novas do proxecto de nova gasolineira no Concello? No caso de que isto sexa así, saben se xa foi solicitada a autorización preceptiva a Augas da Galiza pola proximidade da corrente fluvial?
Propostas e preguntas: Pleno municipal ordinario do mes de xaneiro (26/01/2023)