O BNG DE OLEIROS DENUNCIA QUE PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA NON FORON ADMITIDAS EN LIÑAS DE AUTOBUSES METROPOLITANO CON DESTINO NO CONCELLO DE OLEIROS
Usuarias con diversidade funcional non están a ser admitidas nos autobuses da Comarca da Coruña por falta de adaptación
Os novos autocarros que circulan pola área metropolitana da Coruña indican claramente que son accesíbeis para persoas con diversidade funcional, porén están a rexeitar a persoas en cadeira de rodas, xa que os cintos de seguranza non están adaptados nos asentos a estas persoas. Esta circunstancia é lamentábel, xa que a concesión foi anovada en datas recentes: semella que a Xunta deu pouca relevancia á accesibilidade nos novos contratos. Igualmente, semella que a Xunta non supervisa a accesibilidade das liñas por ela aprobada e fai abandono das súas funcións máis elementais.
Este pasado sábado, e con persoas do BNG de Oleiros como testemuñas presenciais, empresas concesionarias do transporte colectivo na comarca da Coruña impediron até en dúas ocasións e en liñas diferentes a un rapaz en cadeira de rodas o acceso a un autobús con destino ou tránsito por Oleiros. As razóns esgrimidas polos condutores de ambos autobuses, de recente matriculación, foron que os vehículos non dispuñan de cinto de seguranza para persoas con mobilidade reducida. Porén, os buses tiñan sinalizado no seu frontal que eran aptos para persoas con mobilidade reducida. A persoa discriminada manifestou a súa perplexidade e disconformidade, perante a cal un dos condutores indicou que debía el traer o cinto da casa.
A non accesibilidade é unha constante neste tipo de transportes e chove sobre mollado, as dificultades descritas súmanse as limitacións relacionadas coa accesibilidade nalgúns dos buses con que as concesionarias cobren os servizos que atravesan o noso concello: vehículos con escaleiras moi empinadas, sen rampla para persoas con dificultades de mobilidade, sen espazo para persoas con diversidade funcional ou carriños de bebé... A accesibilidade brilla pola súa ausencia, o transporte está pensado case exclusivamente para persoas sen necesidade complementaria algunha e en pleno uso de todas as súas funcións.
A veciñanza de Oleiros padecemos liñas de autobús que van saturadas, tendo que ir de pé en horas punta pola negativa das empresas concesionarias a reforzar o servizo con máis vehículos, con atrasos continuos, con traxectos que por veces superan a hora de duración, etc.