Visita ao mercado municipal de Perillo
O noso recén nomeado Concelleiro, Xurxo Martínez Caño, escolleu coma primeira das visitas que ten programado facer ás distintas entidades do concello o Mercado Municipal, por ser este lugar un claro exemplo do pequeño comercio oleirense. A visita foi moi ben recibida polas praceiras, sempre abertas a estes actos aínda que non sexan unicamente en época de eleccións.
Tomamos nota das deficiencias (algunhas xa históricas), coma as case impracticables rampas para dar acceso a persoas con mobilidade reducida, unha delas cun 28% de inclinación cando a norma especifica que coma máximo terán un 10%. Outra sería o estado da cuberta, que deixa pingueiras de auga dentro do Mercado e dalgúns comercios. Tamén vemos, nada máis entrar, unhas humidades nas paredes de tal calibre que ata chegan a estragar os letreiros informativos que teñen atornillados, o que a parte de dar mala imaxe, é pouco hixiénico.
Outras reclamas teñen máis que ver coa falta de mantemento: unha baranda que se retirou e nunca se repuxo, unha billa que pingaba ou unha lámpada do interior pola que chovía. A solución foi sinxelamente retiralas. Outras eivas son un cristal da entrada principal estalado dende hai máis un ano, ou unhas portas da galería exterior onde están os postos das peixeiras que non pechan debidamente. A falta dun conserxe que mire por estas pequenas cousas é tamén determinante.
O sentimento xeral é de abandono, e xa non só da propia infraestructura, senón tamén no respectivo ao trato e á promoción do comercio. O que poderiamos estender ao resto do concello. Botamos en falta campañas de publicidade, medidas incentivas, investimento real... Claro exemplo é que para decorar este Mercado Municipal durante o Nadal as praceiras optan por facer un bote e pagar os adornos do seu propio peto. Por non ter, nin teñen xel desinfectante de mans nos accesos, coma si se ve noutras instalacións municipáis.
Este Mercado está, ao noso entender, infrautilizado. Pódense facer políticas que recuperen o pequeño comercio máis artesán, o cal non podería afrontar alugueiros de prezo libre noutras zonas do concello, terían neste mercado un espazo de creación. Tamén que na práctica non exista ningunha asociación de comerciantes, nin de hostaleiros e que non se convoque a Mesa de Comercio Local fai moi dificil que estes colectivos poidan ter unha voz en común que os represente para propoñer ideas e reclamar deficiencias. Dende o BNG seguiremos traballando para que estas carencias sexan antendidas.