IVÁN ROCA: “QUEREMOS COÑECER DE INMEDIATO OS PRESUNTOS INFORMES DE MEDIO AMBIENTE E PATRIMONIO, CAL VAI SER O ITINERARIO DO TRAIL, SE AFECTA A PROPIEDADE DOS VECIÑOS E AS MEDIDAS DE TODO TIPO QUE SE VAN TOMAR."
Preocupación polo impacto no Monumento Natural da Costa (DES)protexida de Dexo na celebración dun trail con 350 participantes
O 26 de marzo vai ter lugar no Monumento Natural Costa (DES)protexida de Dexo o noveno Costa-Trail de Oleiros, carreira pedestre de ontaña de iniciativa privada. A proba atravesa integramente a Zona de Especial Conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais ao abeiro do decreto 101/2000 como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo”, zona que se ve ameazada por unha proba deportiva altamente invasiva e absolutamente incompatíbel coa conservación dos valores polos que foi declarado espazo protexido.
O Plan director da Rede Natura 2000 de Galiza indica no seu artigo 61.3, relativo á Normativa Xeral aplicable ao uso público e actividades deportivas nos espazos Rede Natura:
Só serán autorizábeis nestes espazos as devanditas probas cando “non leven consigo afeccións apreciables sobre o estado de conservación dos hábitats ou das especies de flora e fauna silvestre”. A Xunta é a competente para autorizar estas probas e ”poderá fixar condicións específicas para a súa realización ou, no seu caso, a súa prohibición cando poida afectar de forma apreciable ao estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou aos hábitats das especies de interese para a conservación. Requirirán tamén autorización expresa calquera tipo de sinalización, a excepción das establecidas en áreas urbanas e núcleos rurais que se rexerán pola normativa municipal correspondente, das recollidas nas normativas sectoriais, e das que poidan establecer os órganos competentes no mantemento das súas correspondentes infraestruturas”.
Alén da potencial incidencia no patrimonio colectivo (Castro das Rozas) e na importante e diversa reserva de flora e fauna que este Monumento Natural posúe, estamos ademais perante unha zona de referencia de colonias de aves mariñas na Galiza, que alberga 82 especies de aves, 57 das cales son especies que aniñan, nomeadamente na especie de corvo mariño cristado, especie para cal a Costa de Dexo é a zona costeira máis importante da Península. 350 persoas correndo a escasa distancia de niños activos, e en pleno período reprodutivo ou con pitos de poucos días, poderían causar danos graves e irreparábeis.
Cómpre salientar que a propia Federación Española de Montaña e Escalada establece que “el desarrollo de carreras por montaña debe desestimarse en los espacios naturales protegidos más sensibles o en algunas zonas de aquellos otros espacios, donde sus condiciones de alto valor ambiental, elevada sensibilidad y fragilidad ecológica (flora, fauna o gea), así lo aconsejen.”
O concelleiro do BNG de Oleiros, Iván Roca Cruz, afirma que “semella que a declaración de monumento natural é pouco máis que papel mollado e un nome rimbombante e sen ningún tipo de contido ou protección. Dispoñemos de moitísimos lugares para a realización destas actividades de lecer e deporte tan necesarias e saudábeis, mais preguntámonos se é preciso desenvolvelas xusto no lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis importantes da Galiza”.
O BNG ten coñecemento, tanto directo como a través de queixas da veciñanza, de que un tractor particular está a achandar terreos de propiedade privada dos veciños, próximos á casa do Pobo de Dexo e que penetran na Costa (des)protexida de Dexo, coa presunta finalidade de crear NOVOS camiños e itinerarios, circunstancia que nos preocupa en gran medida.
No pleno do mes de febreiro, o Concelleiro do BNG Iván Roca, formulou as seguintes preguntas:
- “O 26 de marzo vai ter lugar no Monumento Natural Costa de Dexo un trail. Semella que a declaración de monumento natural é pouco máis que un nome rimbombante e sen ningún tipo de contido e protección. Dispoñemos de moitísimos lugares para a realización destas actividades de lecer e deporte tan necesarias e saudábeis, mais temos que desenvolvelas en lugares de tal riqueza patrimonial, de flora e fauna. O lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis iportantes da Galiza.
Que rol desenvolve o Concello no expediente da autorización do trail? Coñece o Concello polo miúdo o percorrido deste trail masivo aos efectos de garantir a máxima protección do ecosistema único en pleno período de aniñamento de especies, alén da protección dos castros da contorna? Sabe se abrirán novos camiños e decorrerán por leiras privadas nestes novos itinerarios?”.
O Alcalde respostou que había un particular que, co consentimento dos propietarios, estaba a achandar camiños cun tractor no marco do trazado do trail.
O 27 de febreiro, o Concelleiro do BNG en Oleiros presentou por Rexistro no Concello de Oleiros acceso a través da concellaría ou servizo municipal correspondente, para a súa consulta, ao expediente referido á celebración o noveno “Costa-Trail de Oleiros”, e a documentación xerada co gallo do mesmo da que se dispoña no Concello.
Á Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña elevouse consulta por parte de veciñas de Dexo, a devandita Xefatura manifestou vía correo electrónico, descoñecer absolutamente a existencia dun trail na Costa de Dexo, e de feito manifesta que nesta institución non consta ningunha solicitude a ese respecto.
A única información da existencia do “IX Costa-Trail de Oleiros” figura na páxina web da entidade privada organizadora. Descoñecemos, a nivel oficial, absolutamente todo sobre este invasivo e potencialmente perigoso trail. Non se coñece se foi autorizado nin cando, o trazado, non se coñece que departamento da Xunta o aprobou, non se sabe cal foi a intervención preceptiva de Medio Ambiente e Patrimonio, non son públicas as medidas que se van tomar para protexer a biodiversidade e patrimonio ameazados ou as medidas de control anteriores e posteriores a celebración do mesmo. Non se sabe se van ser abertos novos camiños, se invaden propiedade privada, se existe autorización dos veciños. Descoñécese a participación e o rol que desenvolverá o Concello. O BNG no Parlamento galego vai proceder a demandar toda a información sobre o trail “fantasma” que terá lugar na Costa (des)protexida de Dexo, solicitando aclaracións sobre quen, como e con que informes se autorizou esa proba, o trazado e afectación a patrimonio medio ambiental e cultural e sobre os controis que se van tomar. O que está absolutamente claro é que a Xunta non consultou absolutamente a ningún colectivo ecoloxista nin veciñal, nin abriu ningún período público de reflexión sobre a procedencia ou incidencia da proba.
Dende o BNG, demandamos á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que reconsidere se é o máis acaído para unha zona protexida destas características que 350 persoas corran en pleno período de aniñamento de aves pola totalidade do Monumento Natural, fixando novas sinalizacións que en moitos dos casos fican e non se retiran, alén de todos os traballos preparativos previos e posteriores á propia proba. Demandamos, pois, a inmediata suspensión do trail e que non volva ter lugar na até o de agora Costa (DES)protexida de Dexo, Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo e Zona de Reserva da Biosfera, cuxas proteccións oficiais na práctica non equivalen a nada. Dende o BNG ofrecémonos para procurar itinerarios alternativos ao lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis importantes da Galiza.
É cuestión de vontade política de asunción das propias responsabilidades en materia da máxima protección medioambiental e patrimonial. A Xunta da Galiza desatende as súas competencias e desgoberna, fica moito máis preocupada de espurios intereses electorais que de gobernar para a cidadanía.
Temos moitos exemplos de suspensión deste tipo de probas masivas e absolutamente invasivas, como mostra a resolución do Departamento de Sostibilidade e Medio Natural da Deputación de Biscaia na que se prohibe a proba decana dos trails de montaña, por tratarse dun evento de participación masiva e decorrer a proba polo ZEC DE ORDUNTE, zona especial de conservación do Territorio de Biscaia, por ser zona especial de conservación de Especies Silvestres, en concreto, aves necrófagas como o voitre exipcio e flora como as breixeiras húmidas. Agardemos a que a Xunta estea á altura do Monumento Natural e siga estes exemplos.
Dende o BNG queremos volver deixar claro, máis unha vez, o noso máis absoluto apoio e compromiso coa actividade física, o deporte e as competicións deportivas de todo tipo que teñan lugar no Concello; é máis, promovémolas e alentámolas: carreira si, mais non así, nun Monumento Natural.