O Concello de Oleiros recoñece que autorizou gravar un anuncio publicitario na costa desprotexida de Dexo
Á preguntas do BNG de Oleiros no pleno ordinario de setembro, o Concello de Oleiros recoñece que autorizou gravar, este verán, un anuncio publicitario na costa desprotexida de Dexo no que participaron con varias furgonetas, carpas, equipas pesadas, sets e mesmo un dron
A Xunta da Galiza, que en maio recoñeceu e reproduciu todas as eivas e desleixo padecidos pola Costa desprotexida de Dexo, denunciados polo BNG durante lustros perante as actitudes totalmente omisivas das Administracións, “autorizou” a rodaxe de anuncios en plena Costa de Dexo
O BNG de Oleiros solicita acceso ao expediente municipal de autorización do anuncio publicitario xa que consideramos que infrinxe a normativa reguladora da Costa de Dexo
O pasado 31 de xullo do 2023, unha manda invasiva de rodaxe dun anuncio publicitario ocupaba a Costa de Dexo con varias furgonetas, carpas, equipas pesadas, sets e mesmo un dron. Continúa a desfeita na Costa desprotexida de Dexo. No BNG de Oleiros consideramos que esta actividade non é compatíbel coa catalogación de Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais, ao abeiro do Decreto 101/2000, como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo”. Ao abeiro deste cativeiro Decreto regulador da Costa de Dexo, no seu artigo 3, prohíbense explicitamente as seguintes actividades:
- a) Os campamentos e acampadas.
- f) A colocación de cartaces e anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumentos natural.
- 3. Fóra dos camiños e vías existentes, só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola ou forestal.
- 5. Quedarán prohibidas, ademais, todas aquelas accións que poidan supoñer a destrución ou alteración dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios de acordo co disposto na Directiva Hábitat 92/43/CEE.
Temos que lembrar, ademais, que que o voo de drons ou este tipo de obxectos está restrinxido en espazos protexidos ao amparo da Rede Natura. Chove sobre mollado, xa que tamén no pasado mes de abril a veciñanza denunciou a a presenza destes vehículos aéreos non tripulados (drons) que para nada é o máis acaído para unha zona protexida destas características en pleno período de aniñamento de aves.
A Xunta de Galiza, após un primeiro estudo e décadas de omisión, abandono e colaboración por imprudencia na deterioración constante da Costa Desprotexida de Dexo, recoñece por fin o estado de abandono da mesma con “proliferación de especies exóticas invasoras”, “o espazo soporta na actualidade unha importante presión de uso público”, de “estar excedendo a súa su capacidade de carga e provocar diversas problemáticas”, “procesos erosivos nos camiños, hábitats e patrimonio natural e cultural”, na “fragmentación e alteración do estado de conservación de hábitats naturais”, en “molestias en áreas sensíbeis para avifauna e especies ameazadas” ou “na degradación paisaxística”, ademáis de “conflitos e incompatibilidades de uso entre distintas actividades”.
Só podemos amosar a nosa total desconfianza cara á Xunta que tan só após as flagrantes infraccións documentadas polo BNG nos últimos meses decidira mover ficha e recoñecer a patente degradación da zona. Polo que parece, esa intención era só papel mollado vistas as incomprensíbeis e recentes “escenas”.
Temos que lembrar, ademais, que na andaina organizada polo BNG de Oleiros o pasado mes de marzo en menos de dúas horas de un día calquera detectamos moitas das eivas que asolan o Monumento. Comezamos polo Castro das Rozas, onde puidemos aprezar o terríbel impacto que está a causar o paso de bicicletas por varias partes dos muros e do foxo. Lembremos que o servizo de Patrimonio da Xunta, previa denuncia da Sociedade Galega de Ornitoloxía pola brutal afección que ía supoñer para o Castro o trazado da VI edición do trail, recoñece no ano 2017 que “o tránsito de vehículos a motor, bicicletas e en menor medida peóns está a provocar a o inicio de procesos erosivos que comezan a desmantelar irreversibelmente a estatigrafía arqueolóxica”. “Deben de cesar inmediatamente os axentes causantes do dano. Será necesario excluír o castro da ruta de senderismo e de rutas ou probas deportivas, modificando a sinalización in situ, folletos, rutas en internet ou calquera outra. Deben ser colocados paneis que prohíban o acceso ao castro con biclicletas, motos, quads...”. Seis anos máis tarde nada avanzou, tan só a alarmante deterioración do Castro.
O guía amosounos o gravísimo impacto que causan os salvaxes desbroces que provocan tractores autorizados nas beiras dalgúns camiños, afectando gravemente a flora de diferentes hábitats de interese comunitario e especies de animais “para cuxa conservación foi necesario designar zonas de especial conservación…” do anexo I e II da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992.
O guía amosou, ademais, o insoportábel dano que causan as bicicletas pola erosión e pola falta dun plano integral de xestión que impida o seu paso.
Fomos testemuños do paso dunha moto de trial, achegamos probas gráficas do mesmo, a escasos metros dos cantís, zona de aniñamento da colonia de corvos mariños. O propio guía chamou contra ás 12,27h. ao teléfono 981610001 da policía municipal de Oleiros, para que procedesen a identificar e a denunciar ao infractor, a contestación recibida foi “si quiere poner una denuncia pásese por aquí… (dependencias policiais)”.
O guía fixo mención á triste perda de biodiversidade de anfibios (un deles, o sapiño pinto (Discoglosus galganoi) incluído no anexo II de Directiva antes mencionada polo descontrol e falta de normativa referente ao paso de cans no espazo (des)protexido.
Contemplamos finalmente instalacións fixas que levan uns dous anos no Monumento Natural e feitas para o lecer e o recreo privado. Subliñar que “as edificacións permanentes de calquera tipo” están expresamente prohibidas no Monumento natural, alén de que están localizadas en terreo rústico, non sendo acordes coa Lei do Solo da Galiza. Todo isto veu culminado co enésimo trail invasivo da Costa de Dexo onde centos de persoas pasan por onde á organización privada do trail lle presta.
Moitas destas situacións aparecen explicitamente prohibidas no Decreto 101/2000 da Consellaría de Medio Ambiente que regula o Monumento Natural.
No pleno ordinario do mes setembro, o BNG de Oleiros preguntou ao Concello se tiña coñecemento de que existise algunha autorización para o desenvolvemento destas actividades non permitidas. O Alcalde confirmou que autorizara o anuncio e que máis que autorizaría, xa que amosan a beleza de Oleiros e son inocuos.
O 6 de outubro, o Concelleiro do BNG en Oleiros presentou por Rexistro no Concello de Oleiros unha solicitude de acceso a través da concellaría ou servizo municipal correspondente, para a súa consulta, ao expediente referido á autorización do anuncio gravado na Costa de Dexo a finais de xullo, e a documentación xerada co gallo do mesmo da que se dispoña no Concello.