SON NECESARIOS UN PLAN DE XESTIÓN PARA O MONUMENTO NATURAL DA COSTA DE DEXO-SERANTES E UNHA IMPLICACIÓN MOITO MÁIS ACTIVA DA XUNTA DE GALIZA
Preocupación polo impacto da celebración dun Trail no Monumento Natural da Costa de Dexo
O 26 de marzo vai ter lugar no Monumento Natural Costa de Dexo o noveno “Costa-Trail de Oleiros”, carreira pedestre de montaña. A proba atravesa íntegramente o ZEC Rede Natura Costa de Dexo, catalogado ademáis e aoi abeiro do Decreto 101/2000 como Monumento Natural.
O Plan director da Rede Natura 2000 de Galiza indica no seu artigo 61.3, relativo á Normativa Xeral aplicable ao uso público e actividades deportivas nos espazos Rede Natura, que só serán autorizábeis nestes espazos as devanditas probas cando:
“non leven consigo afeccións apreciables sobre o estado de conservación dos hábitats ou das especies de flora e fauna silvestre”
A Xunta é a competente para autorizar estas probas e:
"poderá fixar condicións específicas para a súa realización ou, no seu caso, a súa prohibición cando poida afectar de forma apreciable ao estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou aos hábitats das especies de interese para a conservación. Requirirán tamén autorización expresa calquera tipo de sinalización, a excepción das establecidas en áreas urbanas e núcleos rurais que se rexerán pola normativa municipal correspondente, das recollidas nas normativas sectoriais, e das que poidan establecer os órganos competentes no mantemento das súas correspondentes infraestruturas".
Alén da potencial incidencia no patrimonio colectivo (Castro das Rozas) e na importante e diversa reserva de flora e fauna que este Monumento Natural posúe, estamos ademais perante unha zona de referencia de colonias de aves mariñas na Galiza, albergando 82 especies de aves, 57 das cales son especies que aniñan, nomeadamente na especie de corvo mariño cristado especie para cal a Costa de Dexo é a zona costeira máis importante da Península. 350 persoas correndo a escasa distancia de niños activos e en pleno período reprodutivo ou pitos de poucos días, poderían causar danos graves e irreparábeis.
Cómpre salientar que a propia Federación española de montaña e escalada establece que:
“El desarrollo de carreras por montaña debe desestimarse en los espacios naturales protegidos más sensibles o en algunas zonas de aquellos otros espacios, donde sus condiciones de alto valor ambiental, elevada sensibilidad y fragilidad ecológica (flora, fauna o gea), así lo aconsejen.”
O concelleiro do BNG de Oleiros, Iván Roca Cruz, afirma que “Semella que a declaración de monumento natural é pouco máis que papel mollado e un nome rimbombante e sen ningún tipo de contido ou protección. Dispoñemos de moitísimos lugares para a realización destas actividades de lecer e deporte tan necesarias e saudábeis, mais temos que desenvolvelas xusto no lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis importantes da Galiza”
Dende o BNG demandamos á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que reconsidere se é o máis acaído para unha zona protexida destas característica 350 persoas a correr en pleno período de aniñamento de aves pola totalidade do Monumento Natural, fixando novas sinalizacións que en moitos dos casos fican e non se retiran, alén de todos os traballos preparativos previos e posteriores á propia proba. Tamén gostariamos de saber a opinión de organismos como o CEIDA ou a propia Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, Reserva da cal a Costa de Dexo forma parte.
Dende o BNG queremos deixar claro o noso máis absoluto apoio e compromiso coa actividade física, o desporto e as competicións deportivas de todo tipo que teñan lugar no Concello, é máis, promovémolas e alentámolas. Carreira si, mais no así, nun Monumento Natural.