A Reserva da Biosfera recoñece o desleixo padecido pola Costa de Dexo
A Reserva da Biosfera súmase á Xunta da Galiza recoñecendo o desleixo padecido pola Costa desprotexida de Dexo e denunciado polo BNG durante lustros, perante a desaparición total das Administracións nas súas obrigas.
As denuncias insistentes do BNG de Oleiros situaron o foco no abandono absoluto da Costa desprotexida de Dexo. As Administracións por “vergoña” e cun intolerábel atraso, comezan a mover ficha.
Ivan Roca, concelleiro do BNG en Oleiros pregúntase “ se a Reserva da Biosfera ten competencias para “restrinxir” ou “regular” os usos na Costa de Dexo. Até cando a Xunta seguirá co abandono absoluto do Monumento Natural ou se o Concello de Oleiros se sumará á opinión unánime de abandono da Costa de Dexo ou seguirá autorizando actuacións na mesma con criterios propagandísticos e de mera publicidade”.
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo anunciou que restrinxirá os accesos de visitantes a Costa desprotexida de Dexo. A polémica prueba Costa Trail de Dexo (sempre denunciada en solotario polo BNG) foi uno dos detonantes que levou aos directivos da Reserva a considerar a adopción destas restricions. Dubidamos da competencia que poida ter a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para restrinxir, limitar ou estabelecer un Plano de regulación e conservación na Costa de Dexo. Introduciremos esta cuestión, agardemos que oralmente, no pleno ordinario de Novembro de Oleiros e onde faga falla.
A Xunta de Galiza após un primeiro estudo e décadas de omisión, abandono e colaboración por imprudencia no deterioro constante da Costa Desprotexida de Dexo, recoñece por fin o estado de abandono da mesma con “proliferación de especies exóticas invasoras”, “o espazo soporta na actualidade unha importante presión de uso público”, de “estar excedendo a súa su capacidade de carga e provocar diversas problemáticas”,“procesos erosivos nos camiños, hábitats e patrimonio natural e cultural”, na “fragmentación e alteración do estado de conservación de hábitats naturais”, en “molestias en áreas sensíbeis para avifauna e especies ameazadas” ou “na degradación paisaxística”, ademáis de “conflitos e incompatibilidades de uso entre distintas actividades”.
Pois ben, as agresións continuan, sirva como exemplo que o pasado 31 de xullo do 2023, unha manda invasiva de rodaxe dun anuncio publicitario, ocupaba a Costa de Dexo con varias furgonetas, carpas, equipas pesadas, sets e mesmo un dron. Continúa a desfeita na Costa desprotexida de Dexo. No BNG de Oleiros consideramos que esta actividade non é compatíbel coa catalogación de Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais, ao abeiro do Decreto 101/2000, como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo”. Ao abeiro deste cativeiro Decreto regulador da Costa de Dexo, no seu artigo 3, prohíbense explicitamente as seguintes actividades:
- a) Os campamentos e acampadas.
- f) A colocación de cartaces e anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumentos natural.
- 3. Fóra dos camiños e vías existentes, só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola ou forestal.
- 5. Quedarán prohibidas, ademais, todas aquelas accións que poidan supoñer a destrución ou alteración dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios de acordo co disposto na Directiva Hábitat 92/43/CEE.
Temos que lembrar ademais que que o voo de drons ou este tipo de obxectos está restrinxido en espazos protexidos ao amparo da Rede Natura. Chove sobre mollado, xa que tamén no pasado mes de abril, a veciñanza denunciou a presenza destes vehículos aéreos non tripulado (drons) que para nada é o máis acaído para unha zona protexida destas características en pleno período de aniñamento de aves.
Temos que insistir máis unha vez no estado de abandono da Costa de Dexo acreditado por exemplo na andaina organizada polo BNG de Oleiros o pasado mes de marzo. En menos de dúas horas dun día calquera detectamos moitas das eivas que asolan o Monumento, comezamos polo Castro das Rozas onde puidemos aprezar o terríbel impacto que está a causar o paso de bicicletas por varias partes dos muros e do foso. Lembremos que o servizo de Patrimonio da Xunta, previa denuncia da Sociedade Galega de Ornitoloxía pola brutal afección que ía supoñer para o Castro o trazado da VI edición do trail, recoñece no ano 2017 que “ o tránsito de vehículos a motor, bicicletas e en menor medida peóns está a provocar a o inicio de procesos erosivos que comezan a desmantelar irrevisibelmente a estatigrafía arqueolóxica” “Deben de cesar inmediatamente os axentes causantes do dano. Será necesario excluír o castro da ruta de senderismo e de rutas ou probas deportivas, modificando a sinalización in situ, folletos, rutas en internet ou calquera outra. Deben ser colocados paneis que prohiban o acceso ao castro con biclicletas, motos, quads...” Seis anos máis tarde nada avanzou, tan só o alarmante deterioro do Castro
O guía amosounos o gravísimo impacto que causan os salvaxes desbroces que provocan tractores autorizados nas beiras dalgúns camiños, afectando gravemente a flora de diferentes hábitats de interese comunitario e especies de animais “para cuxa conservación foi necesario designar zonas de especial conservación…” do anexo I e II da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992.
O guía amosou ademais o insoportábel dano que causan as bicicletas pola erosión e pola falta dun plano integral de xestión que impida o seu paso.
Fomos testemuños do paso dunha moto de trial, achegamos probas gráficas do mesmo, a escasos metros dos cantís, zona de aniñamento da colonia de corvos mariños. O propio guía chamou contra ás 12,27h. ao teléfono 981610001 da policía municipal de Oleiros, para que procederán a identificar e a denunciar ao infractor, a contestación recibida foi “si quiere poner una denuncia pásese por aquí…. (dependencias policiais)”
O guía fixo mención da triste perda de biodiversidade de anfibios (un deles, o sapiño pinto (Discoglosus galganoi) incluído no anexo II de Directiva antes mencionada polo descontrol e falta de normativa referente ao paso de cans no espazo (des)protexido.
Contemplamos finalmente instalacións fixas que levan uns dous anos no Monumento Natural e feitas para o lecer e o recreo privado. Subliñar que “as edificacións permanentes de calquera tipo” están expresamente prohibidas no Monumento natural alén de que están localizadas en terreo rústico, non sendo acordes coa Lei do Solo da Galiza, esas cosntrucións permanentes seguen a día de hoxe. Todo isto veu culminado co enésimo trail invasivo da Costa de Dexo onde centos de persoas petan por onde á organización privada do trail lle peta.
Moitas destas situacións aparecen explicitamente prohibidas no Decreto 101/2000 da Consellaría de Medio Ambiente que regula o Monumento Natural.
No pleno ordinario de Oleiros en setembro , o BNG de Oleiros preguntou ao Concello se tiña coñecemento de que existira algunha autorización para o desenvolvemento destas actividades non permitidas. O Alcalde confirmou que o Concello autorizara a gravación do anuncio e que máis que autorizaría xa que amosan a beleza de Oleiros e son inocuos.
O Concelleiro do BNG en Oleiros presentou por Rexistro no Concello de Oleiros acceso a través da concellaría ou servizo municipal correspondente, para a súa consulta, ao expediente referido á autorización do anuncio gravado na Costa de Dexo a finais de xullo, e a documentación xerada co gallo do mesmo da que se dispoña no Concello. Nesa documentación non existe a máis mínima referencia a intervencións ou coñecemento da Xunta. Preguntamos no Pleno se existía autorización da Xunta como achamos é preceptivo, o Concello indica que non lles consta ningún expediente da Xunta, porén autorizou igualmente e de motu propio.
Consideramos que a Xunta da Galiza é a Administración competente para autorizar usos non permitidos na Costa de Dexo. Consideramos que o Concello debe comprobar que existe esa devandita autorización autonómica e en caso contrario demandala, antes de autorizar dentro da súa competencia de orde pública. Consideramos ademais que as autorizacións deben basearse absolutamente en criterios de CONSERVACIÓN non de propaganda ou publicidade.