Hoxe damos por finalizada con moito éxito, ao noso parecer, a campaña electoral que levamos desenvolvendo estas dúas últimas semanas co obxectivo de situar o BNG de Oleiros no goberno municipal.
Durante estes días intentamos facervos partícipes e darvos a coñecer a todos os veciños e veciñas as nosas ideas, os nosos obxectivos e as melloras que cremos que poderiamos levar a cabo se nos dades a oportunidade de ter un lugar no Concello.
O urbanismo e a mobilidade son, desde o noso punto de vista, os dous temas principais que ten que abordar e corrixir Oleiros con urxencia para que o noso futuro sexa cada vez mellor. Por este motivo, os actos principais da nosa campaña electoral estiveron ligados a estas cuestións. O 13 de maio estivemos en Xaz, lugar representativo de como é desde hai xa moito tempo o urbanismo que busca o Concello de Oleiros: grandes urbanizacións que acaban con zonas naturais e que só suman unha cantidade de habitantes que, en xeral, non se corresponden cos servizos dispoñíbeis. Ligado a isto, e tamén na parroquia de Dorneda, achegámonos o día 19 (como tanto tempo levamos facendo) ao Couto para apoiar as protestas da súa veciñanza. Porén, outros moitos puntos do municipio poderían ser un claro exemplo de como se podería mellorar a mobilidade grazas, principalmente, á creación de alternativas ao vehículo privado.
Organizamos tamén dous encontros moi importantes para nós: con comerciantes e con persoas e colectivos preocupados polo noso ambiente. Estes encontros servíronnos para engadir propostas ao noso programa, mais tamén para reforzar a nosa idea de que os grandes problemas de Oleiros están totalmente relacionados entre eles: é preciso revisar o modelo de urbanismo, o transporte, o medio ambiente e o emprego, mais tamén o forte vínculo entre estas áreas. Se unha parte importante das persoas que viven en Oleiros traballan noutros concellos da nosa comarca, precisarán desprazarse con máis frecuencia, coas consecuencias que isto ten para o transporte e para o medio ambiente, e tamén é moi probábel que o seu lecer ou as súas compras estean teñan lugar fóra. O que queremos, e despois desta campaña dun xeito aínda máis decidido, é un concello que se afaste dos récords de licenzas urbanísticas ou desprazamentos en vehículo privado.
Alén disto, tamén con certeza nos puidestes ver a diario en todas as parroquias dando a coñecer o noso programa. Gozamos moito destas reunións porque, ademais do marabilloso ambiente de traballo que temos entre nós, tamén nos deron pé a xuntármonos con todas as persoas que vos achegastes a nós para darnos a coñecer as impresións, tanto positivas como negativas, que nos ofrecedes. As sensacións que tivemos estas dúas semanas foron moi boas e, por tanto, cremos e desexamos que os resultados acompañarán.
Xa para rematar, queremos agradecer a todos e todas os que colaborades con nós, e moi especialmente ao noso candidato, o voso incansábel traballo. Case chegou o día e só vos pedimos que acompañedes e apoiedes este domingo a Iván e a todo o noso grupo votando BNG en Oleiros, pois Oleiros merece máis!