O candidato, Iván Roca, presentou o programa da formación nacionalista xunto cos números 2 e 3 da candidatura, Iria Taibo e Andrés Hernández Mouriño
Elaborárono de xeito colectivo, escoitando propostas de veciños e veciñas e de diferentes entidades e persoas dos sectores implicados
As propostas do BNG para Oleiros non son medidas illadas, nin entre si nin dos outros concellos da contorna, cos que este concello comparte territorio e problemáticas, e cos que é preciso contar necesariamente para procurar solucións.
No BNG de Oleiros estamos firmemente convencidos e convencidas de que é preciso mudar o modelo e entender o noso concello como un todo, xa que os problemas do prezo e da dispersión da vivenda teñen consecuencias para a mobilidade, para o emprego e o comercio, mais tamén para o medio ambiente ou para a conciliación.
Estas son algunhas das principais medidas que propomos para os próximos catro anos:
1. O acceso á vivenda é un dereito fundamental, debemos recuperar a porcentaxe de promoción pública municipal en todas as promocións novas previstas, en todas as áreas do concello, ademais de abrir unha liña de axudas ao alugamento e outra para a rehabilitación de vivendas.
2. Consideramos que Oleiros ten moita marxe de mellora no ámbito do medio ambiente: cremos que é preciso crear unha Concellaría de Medio Ambiente, adaptar as políticas á situación de emerxencia climática ou avanzar na protección de áreas en situación de perigo.
3. Moitas persoas de Oleiros teñen emprego noutros concellos da nosa área, o que aumenta a problemática da mobilidade e a falta de cohesión, polo que propomos unha forte política de promoción da creación de emprego, e incentivos ás empresas existentes, ademais dun importante compromiso coas empresas con carácter social.
4. O Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel do Concello de Oleiros, aprobado en setembro de 2022, fai un diagnóstico moi completo e propón unha gran variedade de medidas coas que concordamos plenamente e comprometémonos coa súa aplicación, ademais de coa divulgación do propio Plan, que nos parece unha guía moi útil para os próximos anos: é imprescindíbel dar prioridade á mobilidade alternativa ao vehículo privado, ademais de repensar o modelo de dispersión da poboación e facilitar que todas as parroquias teñan ao seu alcance os servizos máis básicos.
5. Apoiaremos o comercio local con diferentes medidas de incentivo á creación de novos negocios e campañas de divulgación e promoción dos comercios existentes e sensibilización sobre a importancia do comercio de proximidade, ademais de iniciativas de formación.
6. A transparencia e participación son unha eiva importante deste concello. Precisamos que tanto os partidos da oposición como toda a cidadanía teñan un maior acceso á información sobre o uso do diñeiro público, e aos medios de comunicación municipais. Propomos a creación dun regulamento de participación cidadá.
7. Cremos que é preciso dar un paso máis aló na actividade cultural deste concello, facendo que a política neste ámbito non se basee unicamente na programación de espectáculos, promovendo a cultura de base e deseñando programas con obxectivos a longo prazo, implicando as distintas entidades do concello e promovendo a súa existencia e actividade.
8. Cómpre introducir melloras e innovacións nas diferentes políticas dirixidas ao benestar social da poboación, en xeral, e das persoas e colectivos máis desfavorecidos, en particular. Corrixir a ordenanza que regula as axudas de emerxencia social para permitir que manteñan o seu poder adquisitivo neste contexto de gran suba dos prezos, crear un recurso de aloxamento para as mulleres vítimas da violencia de xénero, incrementar a formación sobre a violencia de xénero e sexual ao persoal municipal que traballe no eido do lecer, ou a posta en marcha dun servizo de coidado de nenos e nenas son algunhas das medidas máis urxentes que é preciso acometer.
9. Profundizaremos na promoción da lingua galega, impulsando iniciativas de dinamización e sensibilización social, ademais de retomar o Premio Xulio Dans.
10. O BNG sempre traballa desde unha perspectiva comarcal e de país, pois non podemos vivir de costas aos concellos da contorna, cos que xa compartimos moitas problemáticas e servizos. Traballaremos para conseguir a creación da Área Metropolitana da Coruña.